Unha vintena de propietarios da parte nova do cemiterio de Vilariño queren poñer de manifesto ante o resto de propietarios e veciños a súa versión ante os últimos acontecementos sufridos no cemiterio de Vilariño:
- En primeiro lugar, deixar claro nosa postura a favor de realizar as obras de mellora no cemiterio.
- En segundo lugar, expoñer de forma unánime, que o único que se pide é transparencia no procedemento das obras.
Esta vintena de propietarios solicitou por escrito á presidenta da Asociación do Cemiterio de Vilariño unha serie de documentación, que cremos que desde o primeiro día debería ser pública se se quere levar adiante este proxecto coa maior celeridade posible: proxecto das obras para realizar, orzamentos que se barallaron, permisos, licenzas, convenio da subvención,….; así como actas e estatutos da asociación. Recalcar, que esta documentación que nós pedimos por escrito, tamén a requiren verbalmente outros propietarios que a día de hoxe xa puxeron parte ou a totalidade do diñeiro que se lles requiriu para as devanditas obras; e que se chegou a este extremo ante a negativa da presidenta para ensinar documentación algunha. - En terceiro lugar, deixar constancia de que as nosas dúbidas veñen como consecuencia de contradicións nalgunhas das reunións que se fixeron, ás cales non fomos convocados todos os propietarios, como:
Se a propiedade do terreo é da igrexa?
De que trata o convenio asinado co concello para a subvención?
Se o día que comezaron as obras tíñanse todos os permisos? (obras que a día de hoxe están paralizadas quedando o cemiterio en moi malas condicións e sen auga).
Agora atopámonos cun “acto de vandalismo” no cemiterio, unha pintada que pon: “A asociación paraliza as obras mentres non paguen o resto de propietarios. Grazas”; este feito, que descoñecemos quen foi o autor, xa excede todos os límites….
O clima de confrontación que se xerou entre os veciños polas citadas obras xa provocaron desencontros, pintadas, a inexistencia de auga na fonte do cemiterio (coa proximidade das datas sinaladas que temos),…. e isto preocúpanos seriamente. Polo que tomamos a decisión, de facer pública nosa postura: o único que pedimos é claridade no procedemento para ter a seguridade de que as obras contan con todos os permisos necesarios, a cantidade de diñeiro que se nos require é o suficientemente importante como para que sexa entendible que necesitamos ter a seguridade de que se está actuando correctamente e que non teñamos problemas posteriores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.