O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do decreto da nova estrutura orgánica da Xunta, enfocada na loita contra a covid e na reactivación social e económica, como quedou patente dende o mesmo momento en que se configuraron as distintas consellerías.
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a Vicepresidencia Primeira asume as competencias da Axencia de Turismo de Galicia; e a Secretaría Xeral de Igualdade pasa a integrarse na Consellería de Emprego e Igualdade, onde se crea unha nova dirección xeral: a Dirección Xeral de Relacións Laborais, coa que se reforza este ámbito de cara aos vindeiros meses, nos que a reactivación económica e o emprego debe ser unha prioridade.
“E o segundo dos órganos directivos de nova creación tamén ten que ver coas prioridades do momento actual”, dixo, referíndose á Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que formará parte da Consellería de Política Social, que reforzará esta área para afrontar os retos presentes e futuros dos servizos sociais, ante a necesidade de perfeccionar os mecanismos de atención sanitaria nos centros de maiores e persoas con discapacidade e de repensar o modelo de residencias, ademais de seguir axilizando os procesos de valoración da dependencia e da discapacidade.
No tocante á Consellería de Facenda, o titular da Xunta subliñou que asume a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma administrativa e a Escola Galega de Administración Pública. E referiuse tamén aos cambios de denominación en varios departamentos das distintas consellerías, como a Dirección Xeral de Enerxía e Minas pasa a chamarse Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
En relación aos nomes das persoas que ocuparán outras responsabilidades, Feijóo explicou Antonio Rodríguez Miranda será o secretario xeral de Emigración. Na Consellería de Facenda, Jesús Oitavén estará á fronte da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, onde substitúe a Natalia Prieto Viso que ocupará a Dirección Xeral de Administración Local. Elena Mancha Montero de Espinosa ocupará a recentemente creada Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade. E, José Luis Cabarcos asumirá a dirección da Axencia galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en substitución de Manuel Rodríguez.
Inés Santé Riveira será a nova directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), cargo no que releva a Miguel Pérez Dubois. Silvia Cortiñas será a nova secretaria xeral técnica da Consellería do Mar. E José Flores asume a xerencia do Sergas, onde substitúe a Antonio Fernández Campa.
Pola súa banda, Carmen Durán Parrondo ocupará a Dirección de Saúde Pública e Ana María Comesaña Álvarez será a nova directora de Recursos Humanos do Sergas.
En Política Social: Jacobo Rey Sastre asume a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; Fernando González Abeijón ocupará a Dirección Xeral de Maiores e persoas con discapacidade; e o doutor Antón Acevedo, médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, farase cargo da Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria.
En canto ás delegacións territoriais, Feijóo precisou que: Gonzalo Trenor farase cargo da de Coruña; Gabriel Alén ocupará a Delegación de Ourense; Luisa Piñeiro exercerá como delegada territorial da Xunta en Pontevedra; Javier Arias Fouz será o delegado territorial da Xunta en Lugo e, finalmente, a delegada territorial da Xunta en Vigo será Marta Fernández Tapias.
O presidente da Xunta concluíu subliñando que os novos delegados substitúen a Ovidio Rodeiro, José Manuel Balseiro, Marisol Díaz Mouteira, José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, aos que agradeceu profundamente a súa labor á fronte da Administración periférica da Xunta, e que continuarán servindo aos galegos no Parlamento de Galicia.
José Manuel Cores Tourís
Naceu en Cambados en 1958. Cursou estudos de bacharelato no IES Ramón Cabanillas de Cambados.
Membro de Xóvenes Agricultores-Asaja Galicia. En 1985 fundou HORSAL, xunto con outros catorce horticultores da Comarca do Salnés, e desempeñou o cargo de director-xerente durante nove anos.
Foi vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas (1992-2007) e tamén membro das xuntas directivas da Asociación Española e da Asociación Europea de Cidades do Viño (ACEVIN-RECEVIN) e da Asociación Española de Cidades da Pesca (AECIPE).
Foi vogal do Consello de Administración de Portos de Galicia.
A súa actividade política comezou no ano 1987 ao ser elixido concelleiro da corporación cambadesa dentro da candidatura do Partido Popular. De 1989 ata 1998 desempeñou o cargo de primeiro tenente de alcalde. Foi alcalde do Concello de Cambados no 1998 e reelixido nas eleccións municipais de 1999, 2003 e 2007. Presidente da Mancomunidade do Salnés do 1998 ao 2003.
Foi senador por Pontevedra nas lexislaturas VII, VIII e IX (2000-2009), e secretario primeiro da Comisión de Agricultura, Gandeiría, Pesca e Alimentación, voceiro de Pesca, vocal da Comisión Mixta para o Estudo do Problema das Drogas e voceiro da Comisión de Peticións.
Desde 2009 desempeñou o cargo de delegado da Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra. Foi elixido deputado do Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2012 e 2016, renunciando nas dúas ocasións para seguir ostentando o cargo de delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Cores Tourís exercerá como deputado autonómico tras ser elixido nos comicios de xullo. Agora será sustituído por Luisa Piñeiro, , alcaldesa de Moraña e secretaria de organización provincial do PP.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.