A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta hoxe dos novos investimentos aprobados pola Xunta de Goberno, presupostados en 2,1 millóns de euros e enmarcados na "aposta medioambiental e de apoio aos concellos" que mantén a institución, en aras de acadar unha provincia referenciada no desenvolvemento sostible. Da citada cantidade, 1,6 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos que están destinadas a dez municipios, mentres que case medio millón (492.000 euros) permitirán a cinco concellos desenvolver proxectos de eficiencia enerxética, coa substitución das caldeiras de gasóleo por biomasa.
No que se refire ao Plan Concellos, a presidenta explicou que as achegas aprobadas da liña 1 de Investimentos (1,2 millóns) permitirán aos municipios de Cangas, A Guarda, Bueu, Silleda, Ponteareas, Mos, Cambados, O Rosal e Meaño realizar distintas obras de "acondicionamento e mellora de servizos urbanísticos, pavimentación, restauración e mellora da seguridade viaria entre outros".
Máis polo miúdo, destínanse 116.688,61 euros para financiar a renovación do pavimento en varías rúas do concello da Guarda, mentres que Cangas recibirá 78.806,70 euros para mellorar as instalacións e a accesibilidade da biblioteca do Seixo-Darbo-Cangas. Pola súa banda, Bueu contará con 112.138,45 euros para acometer a segunda fase da restauración do estaleiro de Banda do Río e Cambados terá unha achega de 62.106,54 euros para a mellora dos servizos urbanísticos da rúa Manuel Murguía. Así mesmo, para O Rosal aprobouse unha subvención de 161.261,01 euros que serán empregados para o acondicionamento do mercado de abastos.
A lista de investimentos complétase coas achegas que recibirán Ponteareas (61.359,97 euros), para acondicionar un camiño na parroquia de Santiago de Oliveira e para acometer o ensanche e pavimentación do lugar de Outeiro de Castro; Silleda (250.000 euros), para financiar a mellora de vías municipais do concello e Mos, que recibirá 318.739,32 euros ao fin de mellorar a seguridade viaria nas parroquias de Guizán e Tameiga. Por último, Meaño contará cunha achega de 73.865,43 euros para financiar a mellora e pavimentación dos camiños de Coirón a Ganón e de Morouzos a Ganón, así como o camiño Padrenda de Abaixo e varios camiños na parroquia de Lores. No marco da liña 3 de Emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a modificación, por reaxustes da COVID-19, dúas achegas, por importe de preto de 445.000 euros, destinadas a Ponte Caldelas e Ponteareas, para contratar a 13 e 39 persoas respectivamente.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.