O número de casos activos de coronavirus en Galicia continúa a súa tendencia á baixa e sitúase en 202, segundo o último balance do Sergas. Eran 207 a véspera e 218 dous días antes. Hai unha semana situábanse en 262 e a principios do mes de xullo roldaban os 320.
Nestes momentos, de acordo co rexistro da Consellería de Sanidade, hai 27 positivos activos na área da Coruña (-3), 136 na de Lugo (-3), que segue concentrando máis da metade, folgadamente, 5 en Ourense, 9 en Pontevedra, 17 en Vigo, 8 en Santiago (sobe un) e Ferrol segue como área libre de Covid-19.
En canto aos 202 pacientes que están a atravesar a enfermidade, son 7 (un menos) os hospitalizados, coa UCI novamente desocupadas, e 195 nos seus domicilios.
Xa se curaron 11.082 persoas e desde hai mes e medio non se rexistraron falecementos, aínda que Galicia segue chorando as 619 vidas perdidas polo virus.
Rebrotes controlados
A Xunta mantén baixo control os principais focos de preocupación, representados por outros tantos rebrotes: principalmente, o da Mariña lucense, pero tamén Vilalba, na mesma provincia, e Betanzos.
No caso de Vilalba, a súa alcaldesa, Elba Veleiro, asegurou a Efe que non hai novidades con respecto ao número de casos no municipio: catro membros dunha familia, que seguen en corentena; aos que se suman outros dous, relacionados con aqueles, no concello veciño de Xermade.
En Betanzos non se detectaron novos positivos nos tres últimos días, polo que a cifra de afectados tampouco se move: son dez contaxiados, confirman desde Sanidade. Xa non está a realizar máis probas o punto de Covid-auto que se habilitou no centro de saúde da localidade coruñesa, informa Efe.
Pontevedra-Salnés
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos nove casos activos de coronavirus este luns 20 de xullo, o mesmo número que o domingo, pero nas últimas 24 horas contabilizouse un positivo máis, que se compensou cun paciente curado.
No caso dos pacientes con positivo, continúan en nove por esa curación e todos están en seguimento domiciliario, illados e coa súa evolución baixo vixilancia dos profesionais sanitarios.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.