Galicia vive o seu primeiro rebrote. Tras semanas cunha situación tranquila na que apenas aparecían casos, o Sergas comunica a existencia dun novo foco nos municipios de Ribeira e A Pobra de Caramiñal, na Coruña, con 9 contaxiados ata o momento. Crese que pode tratarse dun caso importado de Brasil. Todos os casos teñen sintomatoloxía leve e non necesitaron hospitalización, informaron nunha rolda de prensa de urxencia celebrada este domingo o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández Campa, e o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares.
O primeiro caso detectouse o pasado venres. Unha paciente deu positivo por coronavirus e a partir de aí empezou a traballar o equipo de rastreadores para estudar ás persoas que estiveran en contacto con ela. O seu pai acababa de volver a Galicia tras viaxar desde Brasil, un dos países con maior incidencia da Covid-19 agora mesmo. O pai, que durante todo o tempo permació asintomático, deu negativo na proba PCR, pero no Sergas realizáronlle un test serológico para ver se tiña anticorpos que indicasen que xa pasara o coronavirus. O resultado deste segundo test si deu positivo nos anticorpos que indican que a infección xa concluíu. Os médicos sospeitan que puido contaxiar antes da realización da PCR.
Os nove positivos son familiares ou outras persoas próximas á familia, oito deles do municipio de Ribeira e o noveno da Pobra do Caramiñal. O home que proviña de Brasil non entra no reconto dado que a PCR saíu negativa e por tanto non ten a infección activa. Ademais o Sergas realizou probas a outras as persoas que estiveron en contacto cos positivos, que terán que gardar 14 días de corentena. 15 persoas deron negativo. De momento non se contempla ningunha medida extraordinaria de restrición da mobilidade nesta zona.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.