A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este martes 19 de maio 56 casos activos de coronavirus, un menos que o luns, aínda que en realidade si se rexistraron novos positivos, pois na última xornada rexistráronse oito curacións de pacientes.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este martes non hai ningún paciente hospitalizado na área sanitaria, nin na Unidade de Coidados Intensivos nin en planta dos distintos hospitais da área. É xa o terceiro día positivo sen pacientes no hospital e o día 15 sen pacientes en unidades de críticos. Este dato implica que os 56 casos activos evolucionan no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 794 pacientes nesta área sanitaria, oito nas últimas 24 horas, e faleceron 16 pacientes.
Continúa o descenso de casos activos por coronavirus en Galicia. Ás 21.00 horas do luns, segundo o informe publicado hai uns minutos polo Sergas, eran 1.136 as persoas que estaban a padecer a enfermidade na Comunidade, 35 menos que 24 horas antes. Segundo a última actualización de datos que remite a Consellería de Sanidade, un total de 9.281 persoas xa se curaron desde o inicio da pandemia. A presión hospitalaria tamén se atopa nas súas cifras máis baixas.
Na UCI, onde o pico chegou a case 180 casos, quedan actualmente ingresadas 15 persoas, unha menos que a xornada anterior. No hospital son 93, tamén unha menos. A maior parte de pacientes coa enfermidade activa ten síntomas leves e recupérase na súa casa, en total 1.029, fronte aos 1.061 anteriores.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 1.136, deles 283 son da área da Coruña, 72 da de Lugo, 190 da de Ourense, 56 da de Pontevedra, 328 da área de Vigo, 176 da de Santiago, e 31 da de Ferrol.
Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.281 persoas curadas, rexistrándose 607 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 127.359.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.