Despois de poñer en xaque ao sistema sanitario e tras as estritas medidas de confinamento, o coronavirus vai deixando de exercer a presión hospitalaria das semanas nas que se viviu o pico da pandemia. Segundo os datos que acaba de facer públicos a Consellería de Sanidade, o venres ás 21.00 horas quedaban nos hospitais galegos 77 persoas ingresadas. Só 11 permanecían na UCI. Nos momentos de maior ocupación das unidades de coidados intensivos chegou a haber ata 180 pacientes con respirador. Con respecto ao día anterior, hai unha persoa menos na UCI e 6 menos en planta (actualmente 66).
O número de casos activos por coronavirus tamén continúa á baixa. Este indicador mostra a diferenza entre unha xornada e a seguinte do total de persoas que atravesan a enfermidade, descontando os que se recuperaron ou faleceron. O venres ás 21.00 horas quedaban en Galicia 884 persoas que estaban a padecer Covid-19, son 36 menos que o día anterior. A maior parte había desenvolvido síntomas leves e atravesaba a infección no seu domicilio (807).
Por áreas sanitarias, 221 pacientes pertencen á da Coruña, 56 á de Lugo, 127 á de Ourense, 37 á de Pontevedra, 264 á de Vigo, 151 dá de Santiago, e 28 á de Ferrol. O número total de PCR realizadas para detectar casos elévase xa a 133.153.
A pesar de que a epidemia do coronavirus atravesou xa a súa fase álxida, continúa matando. Durante a xornada perderon a vida dúas persoas, Un home de 79 anos que estaba ingresado no Chuac coruñés e unha muller de 88 que estaba hospitalizada no Chuo ourensán. Os dous presentaban patoloxías previas, informa Sanidade. Con elas as vítimas mortais confirmadas por coronavirus en Galicia elévanse a 612. Delas, un total de 271 eran maiores que vivían en residencias. Nas últimas horas non se produciu ningún novo falecemento nestes centros. As cifras de contaxiados tamén seguen descendendo e actualmente hai 158 persoas (76 usuarios e 82 profesionais) que atravesan a enfermidade.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.