Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

2 de diciembre de 2019

A FROTA DE CAMBADOS INICIA TRES XORNADAS DE RECOLLIDA DE LIXO MARIÑO NO MARCO DO PROXECTO CLEANATLANTIC


A frota de rastro de vieira da confraría de Cambados iniciou hoxe tres días de campaña de retirada de lixo mariño na ría de Arousa. Esta acción, organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, enmárcase no proxecto europeo CleanAtlantic para mellorar as capacidades de previr, monitorizar e reducir o lixo mariño a través da cooperación rexional. Neste proxecto tamén participa o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a súa directora, Covadonga Salgado, supervisou no porto de Tragove a posta en marcha de todo o dispositivo.
A campaña de recuperación de lixo mariño na ría de Arousa realízase coa colaboración da confraría de Cambados e consiste na localización e retirada de lixo do fondo mariño e de artes de pesca por parte da frota de rastro de vieira durante o desenvolvemento da súa actividade diaria. Os residuos que os profesionais do mar van recuperando deposítanse en sacos específicos colocados a bordo das embarcacións e un barco bateeiro actúa como plataforma intermedia no que depositar eses sacos para que non obstaculicen a actividade de extracción dos tripulantes.

Os sacos con residuos retirados do mar son pesados, caracterizados e levados a terra para a súa correcta xestión e estudo no marco do proxecto CleanAtlantic, que inclúe accións piloto para estudar as condicións operativas e loxísticas máis adecuadas para a retirada do lixo mariño coa colaboración do sector pesqueiro e para coñecer as capacidades dos diferentes aparellos nestas actuacións de limpeza.
De feito, a información obtida nestas accións permite coñecer con maior detalle as mellores condicións operativas para a recollida de residuos, a súa orixe e as cantidades, así como os impactos no medio, o que aporta información fundamental para deseñar posteriormente medidas orientadas á redución do lixo que chega ao mar e a súa xestión.
A Consellería do Mar avanza deste xeito na colaboración co sector pesqueiro para o estudo e recollida do lixo mariño e mostrando ao mesmo tempo a implicación do sector pesqueiro galego na protección e conservación do mares. De feito, a acción iniciada hoxe en Cambados súmase á realizada por esta mesma confraría a comezos de novembro e na que a frota de bou de vara retirou preto de 3.000 quilos de residuos mariños na zona interna da ría de Arousa.

O proxecto CleanAtlantic

Esta iniciativa europea na que se enmarcan as campañas de recollida de lixo no mar comezou en setembro de 2017 e finalizará en agosto de 2020. O grupo de traballo está integrado por 19 organizacións de cinco países (España, Francia, Portugal, Irlanda e Reino Unido) e conta coa participación de entidades galegas como o Cetmar, o Intecmar, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadores dos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía (IEO).

A nova na TVG


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.