- Técnicos municipais e os edís de Obras, Samuel Lago, e Urbanismo, Xurxo Charlín reuníronse co Director de Portos de Galicia polo Plan Especial de Portos necesario para a realización das obras da Praza de Abastos. - Tamén se tratou a renovación da concesión do Salón de Exposicións J.Peña O Edil de Obras e Servicios, Samuel Lago, xunto co edil de Urbanismo, Xurxo Charlín, o Arquitecto Técnico Municipal e o Secretario do Concello de Cambados, veñen de reunirse no día de hoxe co Director Xeral de Portos de Galicia, Roi Fernández para tratar algúns temas pendentes de tramitación co Concello de Cambados. Na reunión tratouse o estado no que se atopa a adaptación do Plan Especial unha vez que o Concello de Cambados lle remitiu os distintos Informes Sectoriais solicitados para a tramitación e posterior aprobación do mesmo (Instituto de Estudio do Territorio, a Consellaría de Medioambiente, Patrimonio e o Ministerio para a Transición Ecolóxica), e no que se lles trasladou aos representantes cambadeses hoxe na reunión que dende o ente Portos de Galicia, que xa esta a traballar nel, e que esperan que sexa remitido ao Concello de Cambados durante o vindeiro ano 2020. Dende Portos de Galicia trasladaron tamén a necesidade de modificar a DEUP (Delimitación de Usos e Espazos Portuarios), por que así o requiría o Instituto de Estudio do Territorio no informe sectorial que remitiu ao Concello, e que tamén xa están a tramitar os técnicos de Portos de Galicia, o que queren agradecer dende o Concello de Cambados. Por este motivo, esperan poder tramitalo dende o ente autonómico durante o vindeiro 2020 e realizar tódolos tramites, incluído a exposición publica do mesmo, xa que se trataría dunha modificación substancial da DEUP e que precisaría realizar a mesma tramitación que a aprobación inicial. Autorización temporal para o uso do Salón Peña Por outra banda o Concello de Cambados na reunión mantida con Portos de Galicia, trasladoulle a preocupación polo estado da solicitude da renovación da concesión do Salón de Exposicións de J.Peña unha vez que rematou o período de 15 anos da concesión inicial, e que tivera un custe de 850.000€ de rehabilitación financiado polo Concello de Cambados. Esta renovación, xa se solicitara por parte do Concello de Cambados o pasado mes de setembro, dado que a concesión venceu este luns, sen recibir a día de hoxe notificación algunha por parte de Portos de Galicia. Portos de Galicia trasladoulles na reunión que a renovación da concesión ía ser denegada, posto que os técnicos do ente autonómico interpretan que os usos que se viñan realizando no Salón de Exposicións por parte do Concello non se adaptan nin a Concesión nin a actual Lei de Portos de Galicia. Por este motivo, indicaron que dende o Concello de Cambados deberíase solicitar unha Autorización temporal por un período non superior a 4 anos para poder utilizar o Salón de Exposicións J.Peña en eventos complementarios co sector do mar.
No tocante ao resto de actos que vén desenrolando o Concello de Cambados habitualmente no Salón de Exposicións Peña e que non teñen vinculación directa co sector do mar, débese solicitar unha autorización previa por parte do Concello de Cambados a Portos de Galicia para que autorice a celebración dos mesmos. Pola súa parte, Portos de Galicia comprometeuse a buscar as vías legais posibles para poder adaptar unha nova concesión aos usos que viña facendo o Concello de Cambados no Salón de Exposicións de Peña.
O portavoz socialista no concello no ano 2011, ano no que se inaugurou oficialmente, Domingo Tabuyo, lembraba ao Concello, presidido por lUís Aragunde (PP) que fixera canto antes un Plan de Usos, no que se prioricen sectores como a náutica, a enoloxía, o turismo ou a cultura.
Alguén non fixo ben as cousas pois xa desde o primeiro momento o Salón Multiusos de Peña foi utilizado para moitas actividades de diferente carácter.
Na reunión tamén se trataron as deficiencias existentes en beirarrúas e luminarias nos terreos de titularidade de Portos de Galicia, así como a desafectación da titularidade dos terreos do Paseo da Calzada, e do que se lles trasladou aos concelleiros cambadeses, que a reversión dos mesmos vai ser incluída no Grupo de Traballo da Fegamp e Portos de Galicia están a ter para a tramitación da desafectación destes tipos de terreos que xa non teñen vinculación directa cos usos portuarios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.