A Policía Local de Cambados dispón esta semana, ata o día 25, dun vehículo da Dirección Xeral de Tráfico para realizar controis de velocidade no centro de Cambados. Con esta campaña de control de velocidade, quérese concienciar aos condutores da necesidade de reducir a velocidade no casco urbano cambadés.
Os controis de velocidade iniciáranse hoxe mesmo e continuarán ata o luns da vindeira semana. As rúas afectadas serán as principais vías de entrada e saída de Cambados, así como o centro urbano e o casco histórico cambadés.
Cabe lembrar que, na actualidade, nestas rúas a velocidade máxima está fixada en 40 ou 50 km/hora, dependendo de cal se trate. Aínda que, como xa manifestou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Tino Cordal, a intención do goberno municipal é reducir a velocidade máxima nestas rúas a 30 km/hora de maneira gradual no vindeiro ano 2020.
O vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico esta previsto que se sitúen na Avenida de Vilagarcía, Avenida da Coruña, Rúa do Pombal, Ribeira de Fefiñáns, Paseo da Calzada, Avenida de Vilariño, Avenida de Galicia, Avenida de Castrelo, Avenida de Madrid ou en calquera outra rúa do casco histórico.
Estes controis de velocidade poderán repetirse ocasionalmente nos próximos meses antes da entrada en vigor da medida que reduza a velocidade no centro urbano cambadés a 30 km/h. A partir dese momento, os controis repetiranse con máis asiduidade.
Pero, tal como afirman dende a Policía Local cambadesa, a finalidade non é só sancionar aos condutores que excedan a velocidade permitida senón conciencialos da necesidade de reducila para evitar accidentes de tráfico e facer máis seguras as rúas cambadesas.
Pois, é unha evidencia contrastada que canto máis se reduza a velocidade menos probabilidades existen de provocar accidentes e que estes sexan menos graves. O obxectivo final é conseguir que Cambados non teña accidentes e que as rúas sexan máis seguras para a cidadanía cambadesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.