Esta proposta do BNG de creación en Cambados dos “camiños escolares seguros” ten coma obxectivo que nenos e nenas que van a colexios e institutos municipais poidan desprazarse camiñando sos ata o seu centro, buscando un incremento da súa autonomía e responsabilidade. Actualmente, existen diferentes administracións (a Unión Europea, a “Dirección General de Tráfico” ou a Deputación de Pontevedra, que ten un programa deste tipo para os colexios que están a menos de 300 metros dunha estrada de propiedade provincial) que están a desenvolver iniciativas nesta liña ás que podería adherirse o Concello de Cambados pero tamén pode ser a propia corporación municipal a que tome a iniciativa, neste sentido, en todos os colexios do municipio.
Esta proposta esixe un alto grao de compromiso tanto para o colexio coma para o Concello, pero ademais implicaría a adhesión de outros axentes sociais coma as familias, o profesorado, as anpas e diferentes asociacións municipais en todas as etapas, desde o deseño ata a execución de cada un dos camiños escolares vinculados a un colexio. Este tipo de proxectos deber ser duradeiro pois está demostrado que o cambio de hábitos adoita ser lento.
Os obxectivos que implica a creación dos “camiños escolares seguros” son:
- Crear unha rede de itinerarios seguros e cambiar os hábitos de desprazamento camiñando ou en bicicleta.
- Reducir o número de coches que levan os/as nenas/os ó colexio para diminuír o ruído e as emisións contaminantes na procura da melloría do medioambiente, da recuperación do espazo público e da seguridade infantil.
- Promover a mobilidade activa potenciando o camiñar e o pedalear, favorecendo o desenvolvemento a actividade física e os hábitos saudables.
- Facer que os nenos/as recuperen a rúa e vaian sos o colexio ou na compaña dos seus amigos e amigas. Estes hábitos favorecerán a autonomía, a autoestima, a socialización e o proceso de aprendizaxe grazas á cooperación entre eles e elas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.