O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Consellería de Cultura e Turismo acaba de facer públicas as axudas para a contratación de persoal para 10 oficinas de información ao visitante da provincia: Poio, Baiona, Cangas, Mondariz-Balneario, A Guarda, Nigrán, O Grove, Sanxenxo e Cambados.
O delegado territorial destacou que estas axudas destínanse aos concellos declarados Municipios Turísticos, orientadas a colaborar na contratación de persoal nas oficinas de turismo. Deste xeito, dáse cumprimento á Lei 7/2011, de 27 de outubro do Turismo de Galicia, que no seu artigo 29, determina que os municipios turísticos deben ser obxecto de atención preferente nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia.
“O obxectivo é manter a calidade no servizo de información turística que se presta nos municipios coa devandita declaración, e para iso, estimúlase a contratación de persoal de xeito que se potencie a imaxe tanto dos Municipios Turísticos de Galicia como de toda a comunidade no exterior nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”, explicou José Manuel Cores Tourís.
O orzamento destinado a esta orde de axudas para toda Galicia foi de 300.000 euros, cun máximo de 5.200 euros por entidade beneficiaria. Os requisitos do persoal contratado serán estar en posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.
Do mesmo xeito, é tamén requisito indispensable que o concello conte coa declaración de Municipio Turístico galego, de refundición en materia do Consello Galego de Turismo, declaración de Municipio Turístico galego e declaración de Festas de Interese Turístico.
Tal e como recordou o delegado territorial, os concellos declarados Municipios Turísticos son aqueles nos que, pola unha afluencia periódica ou estacional, a poboación anual de poboación turística é superior ao 25% do número de veciños. “Tamén aqueles que contan cun número de aloxamentos turísticos e de segundas residencias superior ao 50% do número de vivendas de residencia primaria”. Ademais, deben acreditar que contan dentro do seu territorio con algún servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística de visitantes cinco veces superior a súa poboación e contar con servizos municipais como saneamento, recollida de residuos, protección civil e ordenación urbanística, entre outros.
A Xunta de Galicia, segundo apuntou Cores Tourís, aposta pola colaboración cos concellos de cara impulsar o turismo, colaborando na contratación de persoal nos meses de maior demanda turística, un apoio que parte do actual Goberno autonómico xa que naceu en 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.