Feijóo ataca a Vox e a independentistas apropiándose da figura de Castelao e a sua obra.
No primeiro discurso, recén chegado o cadro a Galicia, rexeitou o seu carácter antifascista, pero hoxe utiliza a Castelao para atacar a VOX con quen o PP pactou en Andalucía.
No primeiro discurso, recén chegado o cadro a Galicia, rexeitou o seu carácter antifascista, pero hoxe utiliza a Castelao para atacar a VOX con quen o PP pactou en Andalucía.
Destaca o Pórtico da Gloria como un monumento ao “diálogo” e dí que, a pesar das críticas pola situación sanitaria, económica e do deterioro dos servizos sociais, Galicia “segue crecendo” e medrando os “hospitais, centros de saúde” e “hai máis educación e servizos sociais”.
"Boas tardes.
A derradeira leición do mestre converteuse neste 2018 nun exiliado máis que volve á súa casa. Volve tarde, pero por primeira vez desde que Castelao o pintase en Bos Aires logramos que por fin se poida ver en Galicia e o poidamos admirar os galegos.
Debemos sentirnos orgullosos do que significa que este cadro, que moitos consideran o Guernica galego, estea aquí, entre nós.
Con el, Alfonso Rodríguez Castelao quixo legarnos un testemuño e tamén unha advertencia: houbo un tempo terrible no que Galicia, como o resto de España, sufriu a traxedia da Guerra Civil e da posterior ditadura.
Nesta exposición, que vos convido a ver na Cidade da Cultura, os máis vellos sentirán os ecos daquela barbarie, e os máis novos comprenderán que escenas semellantes e asasinatos coma este de Alexandre Bóveda tiveron lugar no noso país.
Provoca certa conmoción ver esta imaxe desde a Galicia de hoxe, pero tamén admiración por poder facelo grazas á liberdade e á reconciliación logradas na Transición.
Este recordatorio é oportuno sempre, pero máis aínda cando hai quen trata de minimizar ou mesmo cuestionar o que o conxunto dos españois fixemos nos primeiros momentos da nosa democracia e do noso autogoberno.
Todos os anos por estas datas temos especialmente presente a importancia da convivencia, da harmonía, da cooperación. A min non me gustaría que fosen meros desexos retóricos, porque nin foron superfluos noutras épocas da nosa historia nin tampouco o son agora.
A falta de entendemento sempre tivo consecuencias negativas, pero nos tempos que vivimos as secuelas da incomunicación, da división e dos conflitos alimentados artificialmente, son evidentes e son graves.
Galicia non é inmune a eses problemas, pero creo sinceramente que é portadora dun exemplo de convivencia do que debemos sentirnos satisfeitos.
Convídovos tamén a contemplar outra xoia do noso patrimonio que recuperamos neste ano que remata. Ademais do seu valor artístico, o Pórtico da Gloria é símbolo dos sentimentos que máis nos identifican os galegos.
As figuras labradas en pedra polo Mestre Mateo forman unha Galicia en miniatura que mantén unha animada conversa. Como motivo da obra que o faría inmortal, o artista elixiu un diálogo.
Hai no noso contorno exemplos dabondo de que a ruptura de acordos trae consigo efectos lamentables en forma de retroceso económico e social e sobre todo de ruptura da confianza entre os cidadáns.
Galicia está seguindo un camiño moi diferente. Todos os días e en todos os lugares do noso país hai galegos que reproducen a escena do Pórtico da Gloria. Familias, centros educativos, asociacións, empresas, institucións públicas... falan, intercambian pareceres e tamén discuten, pero sen deixar de estar xuntos.
Nese camiño do entendemento que Galicia percorre unida hai problemas que se denuncian, debates e reivindicacións. Vexo neles un síntoma da nosa saúde democrática, e avisos que un gobernante non debe nunca menosprezar. A sociedade galega desta altura do século XXI non discute sobre utopías falaces, senón sobre asuntos concretos que afectan a xente.
Especialmente a xente que sofre. Que sofre lacras terribles como a violencia machista. Ou que sofre dificultades económicas ou de inclusión social.
A recuperación, que aínda temos que consolidar, fixo a moitos esquecerse da crise pero sabemos que aínda non a todos e por iso estamos lonxe de conformarnos.
É certo que, despois de que en 2017 lográsemos superar os niveis de riqueza previos á crise, este 2018 seguimos crecendo e alcanzamos o maior produto interior bruto da nosa historia económica.
É certo que temos unha economía máis sólida, con máis e maior emprego e cunhas exportacións que non deixan de medrar. E é certo que contamos con mellores hospitais e centros de saúde públicos; atendemos a máis dependentes; e temos unha educación pública con máis recursos, máis idiomas e máis tecnoloxía.
Pero tamén é certo que segue habendo galegos con desvelos para poder resolver problemas, problemas reais.
Iso é o que nos debe preocupar e ocupar, as cousas cotiás: a calidade dos servizos públicos, a defensa da igualdade, consolidar a creación de emprego, garantir futuro industrial, fortalecer o rural e o sector do mar, cumprir as expectativas dos mozos, combater a crise demográfica, prepararnos axeitadamente para oportunidades históricas como o próximo Xacobeo 2021.
As nosas controversias son moi distintas a outras que perseguen a división entre bos e malos cidadáns. Nós queremos seguir progresando e avanzando e temos claro que a Constitución da que este 2018 celebramos o seu corenta aniversario é o marco que protexe o noso autogoberno.
Por iso, non podemos ser indiferentes aos ataques sistemáticos contra a Constitución daqueles que teiman por minar a democracia. Galicia non cala nin vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos.
Tampouco podemos considerar aceptable que se disfrace como “conflito” unha evidente vulneración da legalidade e a busca de situacións de privilexios que non compartimos. Nin foi un “conflito” o ataque do terrorismo á España das liberdades, nin cabe chamarlle conflito ao golpe de Estado de 1981, nin tampouco hai “conflito” no reiterado desafío do independentismo catalán.
Por iso, coa mesma intensidade que desexamos un pleno retorno á normalidade na Generalitat de Cataluña, reclamamos que non se descarte ningunha das ferramentas recollidas no texto constitucional para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno.
Non son poucas as inquedanzas que sentimos no ano que remata, e que nos acompañan no ingreso nesta nova etapa do 2019. A pregunta que vos traslado é se poden canalizarse ou resolverse cunha sociedade fragmentada, enfrontada e carente de puntos de encontro. Eu creo que non. Hai desafíos que estamos superando e outros que requiren tempo e constancia, pero todos eles son inabordables sen cohesión social.
Coa democracia, galegos coma nós decidiron facernos libres e responsables, conciliando dereitos e deberes e sabendo que o mundo real esixe doses axeitadas de idealismo e realismo, dous valores que personifica a figura de Xerardo Fernández Albor, que nos deixou neste ano 2018.
Quero tamén ter presente o primeiro presidente democrático de Galicia porque, grazas a persoas como el, os galegos de hoxe vivimos os soños dos nosos pais e habitamos a Galicia que para moitos dos nosos devanceiros resultou un ideal inalcanzable.
Que ninguén nos convenza de que ese logro foi pouca cousa. É unha das grandes obras colectivas do noso país e non debemos esquecelo. Velaí o legado que recibimos e que é o noso deber coidar e transmitir.
Recibide os meus mellores desexos. Desexo de saúde para vós e as vosas familias. Desexo de prosperidade social e económica. E desexo de que Galicia siga sendo un modelo de convivencia.
Aprendemos de Castelao que as ideas excluíntes son a causa de episodios como os que relata esta pintura.
As ideas que inclúen, que suman, que acordan, son o mellor antídoto contra o pesadelo padecido naquel tempo, e contra calquera problema.
Por iso as galegas e os galegos camiñamos xuntos. Fagámolo tamén no próximo ano.
Que teñades un bo 2019!"
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.