Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

23 de noviembre de 2018

O PLENO DA DEPUTACIÓN APROBA O MELLOR ORZAMENTO DA HISTORIA PARA 2019



O pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde a aprobación inicial do orzamento para 2019, "o mellor orzamento da historia desta institución", en palabras do deputado Carlos Font, que confirmou que "estas contas volven a probar que somos a Deputación de toda España que máis transferencias directas fai aos concellos. Non o dixemos nós, lembrou o deputado, dino os datos oficiais do Ministerio de Facenda cando estaba dirixido por Montoro, así que dúbidas ningunha". Amais, sinalou Font, as contas compren con todo, regra de gasto, estabilidade orzamentaria e límite da débeda "que pasou dos 39 millóns de euros que nos atopamos ao chegar ao goberno ata os 7 actuais"

Sempre segundo a fonte oficial do Ministerio, Carlos Font cifrou nun 28,6% a porcentaxe de transferencias da Deputación de Pontevedra aos concellos, fronte á media do estado dun 0,9% "e moi por enriba de Deputacións como Ourense cun 0,06%; Valladolid cun 14%; Zamora cun 6%; Málaga cun 2,8%; Segovia cun 1,2%; Almería cun 0,5%; León 0,4%; ou Cuenca cun 0,25%. Todas gobernadas polo PP", recordou o deputado. "Non hai nada mellor que a comparativa para entender a idoneidade das nosas contas porque as cifras oficiais son espectaculares e supoñen unha xestión sobresaínte á cabeza do resto da Deputacións do Estado".

O voceiro do goberno lembrou, ademais, que a porcentaxe do esforzo inversor da Deputación de Pontevedra dos capítulos 6 e 7 "é o máis alto de España cun 31%. Nada que ver, dixo o deputado coas Deputacións gobernadas polo PP como Ourense  cun 24,6%; Alicante cun 24,5%; Málaga cun 24%; ou Segovia cun 11,6%, por poñer so algúns exemplos".  Estamos a facer desde hai tres anos un esforzo extraordinario e continuo. Nunca, na historia desta Deputación se fixeron tantos investimentos nos concellos e, ademais, con equidade, criterios técnicos e obxectivos e unha xestión efectiva". "Os datos do Ministerio son contundentes, dixo Font. Falamos de que a día de hoxe son 1575 obras, escollidas con total autonomía polos concellos, as que se presentaron nesta Deputación e por un importe de 122.653.057 euros. E que só en mobilidade hai 53 obras en toda a provincia en licitación, execución ou finalizadas por case 50 millóns de euros. ¿Alguén pode contrarrestar estas cifras?", preguntou o deputado. Font ofreceu tamén datos oficiais sobre a débeda pública da Deputación de Pontevedra, "que rebaixamos ata o actual 5,5%, fronte ao 9% da media das Deputacións do estado, ou o máis do 10% que ten a Deputación de Ourense. Pode dicir o PP que estou a mentir?. Non pode", dixo.

O voceiro do goberno provincial tamén relatou os datos "para as cousas que de verdade importan á xente". Para fomento do emprego, a Deputación de Pontevedra lidera o esforzo en toda España cun 4,24%, fronte a media do 2,5% do resto das Deputacións, en moi por enriba dos números das Deputacións gobernadas polo PP, como Ourense cun 2,02%; Burgos cun 3,7%; Palencia cun 3,3%; Guadalajara cun 3,2%; Salamanca cun 2,2%; ou Castellón cun 1,17%.

En canto ao apoio aos sectores produtivos "os datos oficiais volven a situarnos á cabeza do estado cun 3,5%, cando a media de todas as deputacións é do 0,2%, e as gobernadas polo PP se quedan por exemplo cun 1% en Ourense; un 3,2% en Ávila; 1,5% en Málaga; 2,17% en Salamanca ou 0,18% en Alicante".

"O mesmo pasa, dixo Carlos Font, cando imos aos datos do Ministerio no apoio á actividade económica en sectores como o comercio, turismo ou pemes". A Deputación de Pontevedra ten unha porcentaxe do 2,13% fronte ao 1,6% da media estatal, e tamén por enriba das Deputacións gobernadas polo Partido Popular: 1,57% Almería; 1,5% Salamanca; 1,4% Ávila; 1,4% Zamora; 1,38% Valladolid; ou 1,26% Ourense

O liderado da Deputación de Pontevedra é claro tamén no apoio á Cultura cun 7,6% fronte a media do 6% do resto das Deputacións, e superior ás gobernadas polo PP. Pasa o mesmo no apoio ao Deporte: un 5,1% en Pontevedra fronte a media estatal do 4% ou o 3,4% da Deputación de Ourense, amais de todas as gobernadas polo Partido Popular que están tamén por debaixo.

Carlos Font tamén quixo resaltar o dato oficial do Ministerio en canto ao gasto da Deputación de Pontevedra nos seus órganos de goberno, "para deixar clara unha mentira das moitas que conta o PP, que cree que se repiten cen veces a mesma falacia convértese en verdade". "Pois non, dixo o deputado, a Deputación de Pontevedra destina un 1,9% a este concepto, no que por certo tamén va incluído o gasto do Partido Popular, un 1,9% fronte ao 4,3% da Deputación de Ourense que o duplica, e fronte ao resto das deputacións gobernadas polo PP como Segovia cun 4%; Guadalajara 3,6%; Málaga 2,85%; Alicante 2,77%; Almería 2,5%; Castellón, 2,4%; Palencia 2,36%; ou Ávila 2,36%. E por enriba, engadiu Font,  con cero euros de libre disposición. Pode desmentir o PP tamén estes datos?".

O voceiro do goberno rematou asegurando que "estamos ante o mellor orzamento da historia desta Deputación, o máis elevado, e que ven a revalidar a nosa aposta por unha nova provincia de Pontevedra á que xa lle dimos a volta neste case catro anos".
Os números do orzamento

O orzamento de 2019 supón 157.962.348€ que, co consolidado (Escola de Enfermería e os Consorcios de Protección contra Incendios) ascende a 161.384.163 euros.

O Plan Concellos vai ter 43,4 millóns de euros, cun incremento do 3% con respecto ao 2018. Terá unha dotación de 9,5 millóns de euros para emprego, 30 para investimentos e 3,9 millóns para actividades e gasto corrente. 

No caso dos servizos, Medio Natural e Desenvolvemento Rural terá un orzamento de 1,8 millóns de euros. Así, aumentarase o gasto nas tarefas de prevención de pragas así como  nos orzamentos para Mouriscade, que se incrementa nun 2,5%,  e para a Estación Fitopatolóxica do Areeiro que terá un 5,8% máis que no 2018. En canto a Emprego, a Deputación destinará 3,3 millóns de euros para o seu fomento aos que se engaden os 9,5 millóns para a xeración de emprego que inclúe o Plan Concellos, polo tanto 12,8 millóns, un 8,2% máis que o pasado ano.

A área de novas tecnoloxías terá un orzamento de 5,73 millóns de euros, un 9,15% máis que no 2018, para continuar prestando os servizos para modernizar as administracións locais. Turismo recibirá 3,6 millóns de euros para seguir cos obxectivos marcados no Plan Estratéxico; e a área de Infraestruturas recibirá 17,67 millóns de euros, cun incremento que multiplica por cinco a media de crecemento do orzamento, para seguir impulsando a política de mobilidade provincial.

En igualdade, unha das liñas prioritarias do goberno, o incremento do orzamento será do 8,9% ata acadar 1.273.992 euros. A área de Cohesión Social e Xuventude contará no 2019 cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, un 7,6% máis que no 2018, e en Servizos Lingüísticos e Promoción Cultural 4 millóns de euros, un 3,12% máis que este ano. O Museo de Pontevedra contará cun orzamento de 4,4 millóns e Patrimonio con 1,5 millóns de euros. Tamén se incrementará o orzamento da Escola de Cantería ata os 798.000 euros, para impulsar accións tendentes á consecución da homologación da formación impartida na escola. En canto ao Deporte, o goberno de Carmela Silva destinará 5 millóns de euros a este servizo. O orzamento contempla o financiamento do Campionato Mundial Júnior de Balonmán que se celebrará en Pontevedra e Vigo no 2019 e vai ser financiado pola Deputación de Pontevedra.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.