Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

2 de octubre de 2018

VOLVE O TEATRO PARA ADULTOS AO AUDITORIO DA XUVENTUDE



Un cuarto de século despois, " Commedia, un xoguete para Goldoni" volve a Cambados, con Cándido Pazó agora na dirección do espectáculo, e cos mesmos actores, exceptuando dous cambios. A " Commedia" será un dos pratos fortes da programación de teatro de outono presentada o pasado venres no salón de plenos polo concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, xunto aos representantes das catro compañías que compoñen o ciclo. A primeira función é o 7 de outubro (o domingo da próxima semana), e será precisamente a de " Commedia". O ciclo prosegue unha semana despois con "Pan! Pan!", que é unha recreación en clave de humor das antigas películas do Oeste. O día 21, o público poderá ver outra comedia, "Estás ?", na que unha parella se muda a un apartamento no que se atoparán cun personaxe invisible.
O ciclo finaliza o último domingo de outubro cun drama clásico do teatro universal, a "Casa de Bonecas" de Henrik Ibsen.

Todas as funcións serán na Xuventude, ás 19.00 horas.


"Commedia" 
En 1.993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, estreábase COMMEDIA un xoguete para Goldoni un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisitamos aquela experiencia, celebramos aquela festa teatral. Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pois a carta non era para ela, pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais. A partir deste arranque argumental sucédense unha serie de divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da “commedia dell ́arte”: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina… Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.


"Pan!Pan!"
‘Pan! Pan!’ é unha parodia con música vocal en directo sobre os ‘westerns’ americanos. Conta a historia de Harry, un ‘cowboy’ que viaxa perseguindo un indio salvaxe que lle roubou a súa muller, da que está profundamente namorado. Na posta en escena, as tres intérpretes constrúen oito personaxes, cinco espazos e toda a música do espectáculo, axudadas só por unha bandeira dos EE.UU. A comedia fai unha caricatura dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, das fedorentas cantinas e dos desertos cheos de perigos. Como nunha película do ‘Far West’, en ‘Pan! Pan!’ hai whisky, balas e country. E amor e vinganza a partes iguais.

Este espectáculo recibiu o Premio da Crítica Galicia 2015, así como o primeiro premio Xuventude Crea 2013. Tamén Areta Bolado obtivo o Premio María Casares 2015 á Mellor Actriz Secundaria.


"Estás aí?"
Unha parella acaba de mudarse coa idea de comezar a vivir xuntos.
O apartamento é pequeno e incómodo, reina o caos, as caixas de mudanza abarrotan o lugar, hai problemas coa calefacción e cos veciños do andar de abaixo. Pero isto é nada comparado co que atopan no que eles supoñen o seu novo fogar: a vivenda conta coa  presenza dun home invisible. Aínda por riba, este, algo intratable polo seu carácter, non acepta de moi boa maneira a chegada da nova parella.

"Casa de Bonecas"
Casa de Bonecas ou "O escándalo dunha muller que marcha da casa". Así foi considerada na súa época esta gran obra, froito da dramaturxia do pai do teatro realista contemporáneo, Henrik Ibsen, en 1879. Un alegato feminista que se converteu co paso de tempo na celebración da independencia da muller nunha sociedade de homes. Con Casa de Bonecas o espectador revive o nacemento dunha das maiores heroinas do teatro, Nora Helmer. Esposa e nai perfecta, esconde sen embargo un perigoso segredo, anos atrás falsificou unha firma para conseguir un préstamo. Cando todo sae á luz, descobre que o seu home non a considera máis ca un obxeto da súa propiedade, provocando un desenlace de escándalo.
Esta revisión do clásico, centrada no matrimonio Helmer, crea no espectador a sensación de estar convidado á intimidade do fogar, como se o estivese a ver todo através dunha ventana indiscreta...
Este espectáculo foi galardoado co I Premio Luísa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.