- A moción solicita o apoio ás mobilizacións do persoal da CRTVG en defensa duns medios de comunicación públicos de calidade e independentes, e trasladar á Xunta, ao Parlamento de Galicia e á CRTVG a necesidade de que se renove canto antes a Dirección da CRTVG e se cree o Consello de Informativos, tal e como dispón a Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.
A Corporación Radio e Televisión de Galicia está a vivir, baixo os gobernos do PP, un proceso de desmantelamento do servizo público e manipulación informativa. Dende a aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, o seu incumprimento foi sistemático, especialmente naqueles aspectos que afondarían na independencia e calidade dos medios públicos. En primeiro lugar, ao non desenvolver dita lei, permanece no seu cargo, dende 2009, o Director Xeral nomeado polo PP, cando debería ter sido elixido por unha ampla maioría de ⅔ no Parlamento. O persoal da CRTVG ten denunciado control e manipulación por parte do Goberno galego, amparado no feito de que non se desenvolve a obriga legal de crear un Consello de Informativos que vele pola obxectividade (artigo 36 da Lei 9/2011). Exemplo flagrante desta situación de manipulación foi a cobertura sobre a vaga de lumes de outono de 2017. Todo este proceso prodúcese nun contexto de conflitividade laboral e redución do persoal fixo, así como a aposta pola externalización da produción, reducindo a mínimos a produción propia, con infrautilización de medios propios, e apostando pola chamada “produción propia externalizada”. Asemade, reduciuse o orzamento da dobraxe, un elemento tan importante para a normalización lingüística, provocando unha caída do emprego no sector da dobraxe en Galicia, que é o de máis calidade do Estado. A respecto da lingua, o Comité Intercentros da CRTVG alerta dun “progresivo desmantelamento da promoción do galego por parte da Corporación, que se manifesta na carencia de programación divulgativa específica e nun departamento lingüístico tan esganado que dificilmente pode asumir a supervisión da produción externa que chega ao centro emisor ao tempo que ofrece soporte ao persoal propio”. Isto é gravísimo nun medio que ten entre as súas obrigas fundamentais a contribución á normalización lingüística.
O control gubernamental sobre os medios públicos manifestouse cruamente este ano co anuncio da nova programación que comeza este mes de setembro de 2018, apostando a Dirección da CRTVG pola desaparición do Diario Cultural tal e como estaba concibido e pola supresión das desconexións territoriais, o espazo das informacións de proximidade. Deste xeito, os contidos locais pasarán a estar controlados e seleccionados dende San Marcos, cun aumento do control informativo en vésperas das municipais.


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.