Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

4 de julio de 2018

CAMBADOS ACOLLE A PRIMEIRA DAS PROXECCIÓNS DO DOCUMENTAL SOBRE FRANCISCO LEIRO



Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro proxectarase o vindeiro venres 6 de xullo, ás 22horas, na praza de Ramón Cabanillas en Cambados, no concello no que naceu e no que vive parte do ano o escultor que protagoniza o documental. Segundo explica o deputado de Cultura Xosé Leal, esta proxección será a primeira das tres que a Deputación de Pontevedra promoverá en tres espazos da provincia nos que se sitúa a obra civil de Francisco Leiro: a propia praza de Ramón Cabanillas de Cambados, que acolle a súa peza Baco; a Illa das Esculturas de Pontevedra onde se sitúa Saavedra. Zona de descanso –na mesma canle do río Lérez–; e a praza da Estrela de Vigo onde se atopa a peza O Nadador.
Con estas proxeccións o Departamento de Cultura e Lingua pretende achegar a figura dun artista de recoñecido prestixio internacional á poboación da provincia, ao tempo que promove un diálogo entre o propio documental e a obra civil do artista, xa que as tres proxeccións se realizan a carón de pezas de Francisco Leiro. Segundo apunta o nacionalista Xosé Leal, ademais de poder visionar un documental que foi proxectado en moi poucas ocasións, o público tamén poderá gozar dunha intervención artística a cargo de Lucía Martínez, a responsable da música na cinta, quen realizará unha performance na que combinará música en directo, vídeo e sons das ferramentas de Francisco Leiro previamente gravados.
Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro é o resultado de máis de tres anos de traballo documentando e filmando o día a día de Leiro nos seus espazos de traballo: os seus obradoiros en Cambados, Madrid e New York. Supón ademais a primeira vez que o artista permitiu que un equipo de rodaxe entrara nos seus lugares de creación polo que este proxecto permite coñecer, desde un punto de vista íntimo e moi persoal, o traballo do escultor cambadés.
O documental, que data de 2016, está producido por Arraianos Multimedia e dirixido por Aser Álvarez. Desde entón foi exhibido en moi poucas ocasións e sempre en contextos de festivais de cine ou audiovisual. A súa estrea fora en Londres, no Raindance Film Festival, en outubro de 2016 e posteriormente pasou polo Krafta Doc Internnational–Art Making Film Festival de Glasgow, e polo Festival Internacional de Cine Digital Experimental de Espacio Enter Canarias de Tenerife. Na Galiza participou no Festival Primavera do Cine de Vigo e na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Está previsto que no mes de setembro, o día 10, se proxecte no prestixioso Hay Festival de Segovia.
Francisco Leiro, un dos artistas galegos con máis proxección internacional de hoxe en día, naceu en Cambados nunha familia de ebanistas e carpinteiros. A súa obra comezou a salientar no circuíto internacional da arte a mediados da década de 1980, sobre todo en países como Brasil, Australia, Italia ou Holanda. No ano 1990 asina contrato de exclusividade coa Malborough, unha das galerías de arte máis prestixiosas do mundo. Actualmente, Francisco Leiro vive e traballa a cabalo entre New York, Madrid, e Cambados –ten o obradoiro en Corbillón– e soe traballar materiais moi diversos como a pedra, a madeira, o mármore ou o bronce.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.