Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

30 de junio de 2018

OS ‘TRENS TURÍSTICOS DE GALICIA’ ESTREAN HOXE AS VIAXES TEATRALIZADAS A BORDO DA RUTA DOS VIÑOS DO RIBEIRO-RÍAS BAIXAS





A Ruta dos Viños do Ribeiro - Rías Baixas inaugura hoxe as visitas teatralizadas que se inclúen como novidade na sexta edición do programa Trens Turísticos de Galicia, impulsado por Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este é, xunto coas rutas do Viño de Monterrei e a de Lugo Romano, un dos tres itinerarios que inclúen por primeira vez a participación de personaxes históricos que aparecerán en distintos momentos durante o percorrido para descubrir a historia dos lugares que atravesan.
A ruta dos Viños do Ribeiro-Rías Baixas que sae hoxe permite coñecer de xeito combinado dous territorios con denominación de orixe, incluíndo a degustación de viños destas terras. O seu percorrido comprende, entre outros, unha vista a Ribadavia e o seu castelo, así como ao Mosteiro de San Clodio, en Leiro. O itinerario tamén inclúe o castro de San Cibrao de Las e a estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo.
Xunto a esta ruta, os Trens Turísticos de Galicia introducen outras novidades como a nova Ruta dos Mosteiros, coa que se poden visitar o Pazo de Oca e o Mosteiro de Carboeiro, ademais do Mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou o templo da Veracruz do Carballiño. Rematarase a xornada no balneario de Caldas de Partovia. A edición deste ano tamén inclúe por primeira vez a Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Miño.
A elas súmanse a Ruta dos Faros, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta dos Viños da Ribeira Sacra polo Sil, a Ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a Ruta do viño das Rías Baixas, a Ruta da Lamprea e a Ruta Ourense termal e Versalles. Son, en total, 12 rutas temáticas diferentes para as que están programadas 56 saídas ata o vindeiro mes de outubro.

Turismo de calidade e sustentable

Os Trens Turísticos de Galicia 2018 son unha proposta de turismo de calidade, tranquilo e sustentable que encaixa co modelo turístico galego plasmado na Estratexia do turismo de 2020. Inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 40 euros para adultos e 20 euros para os nenos de entre 3 e 13 anos. Os billetes pódense adquirir na web de Renfe. Amais, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia ou no teléfono 912 555 912 da Central de Reservas de Trens Turísticos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.