Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

4 de junio de 2018

CAMBADOS ACOLLE EN XUÑO SETE NOVOS OBRADOIROS "SMARTPEME"




O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante todo o mes de xuño sete novos obradoiros ao abeiro de "SmartPeme", o programa de capacitación tecnolóxica impulsado pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas. O punto do Centro ExpoSalnés presta asistencia ao empresariado das comarcas do Salnés e Caldas.
As quendas para o mes de xuño son as seguintes: o martes 5 de xuño ás 19:00 horas, "Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite". O xoves 7 de xuño, tamén ás 19:00 horas, "Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl". O martes 12, á mesma hora, realizarase a acción "Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo", a cal contará cunha retransmisión en vivo. O xoves desa mesma semana, o día 14 á mesma hora, será a quenda de "Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva". O día 19 de xuño, martes, ás 19:00 horas chega "Google Calendar, moito máis que unha axenda". O xoves desa mesma semana, á mesma hora, é a quenda de "Crea o teu propio logotipo con Canva". Por último, "Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing" chegará o martes 26 de xuño, á hora habitual, as 19:00 horas. A oficina "SmartPeme" de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC".
A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.
"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.
Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.