A artista Soledad Penalta fará este sábado en Cambados un percorrido guiado polas obras que expón no Pazo de Torrado. Os interesados en participar deben inscribirse previamente no correo pazotorrado@gmail.com, xa que o número de prazas é limitado.
A exposición foi inaugurada o pasado 13 de abril e permanecerá aberta ata o 3 de xuño. Pódese visitar de martes a domingo de 17:00 a 20:00 hrs.
Soledad Penalta Lorenzo nace en Noia (A Coruña) en 1943. A vocación artística levouna á Escola de Artes Aplicada da cidade herculina tras os estudos de química e de filosofía e letras, coñecementos que, en calquera caso, acusará na súa obra máis persoal, tanto humanística como tecnicamente.
Titulada na especialidade de Cerámica, amplía estudos en Barcelona, co profesor Fernández Chiti, e na Bisbal, Xirona, en 1978 e 1979, data na que participa no seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, Lugo. Outras modalidades da mesma parcela, como mayólica e gres, en Altea, Alacante. Bolseira pola Consellería de Industria da Xunta de Galicia, traballa en Faenza, Italia, con Emilio Galasi, e en Sotomayor, Pontevedra. En 1989 desprázase a Estados Unidos e segue diversos cursos en Minnesota. Comezou a expoñer en mostras colectivas na Coruña, en 1978, e particularmente na súa cidade natal, en 1981. A súa obra exhibiuse en cidades de toda Galicia e en exposicións itinerantes por diversos puntos de España. Recibiu distincións en certames de Galicia. Posúe obra súa o Museo Bello Piñeiro de Ferrol e institucións galegas varias. É autora dun monumento público en Porto do Son, A Coruña, e de obra no museo ao aire libre das inmediacións da Torre de Hércules. Aínda que é importante a obra cerámica desta artista, a súa personalidade máis calada e definidora está nas pezas en ferro, na que absorbeu modos que se inician en Gargallo e van ata Chillida. Son emocionantes, pola sinxeleza resultante e a complexidade do concepto, os seus xogos cos planos. Domina a xeometría e recréase na aproximación, tanxencia, fusión de planos e polígonos, creando volumes que resultan en poliedros irregulares, a modo de cuarcitas e basaltos que traballa ata que parecen encartarse ou expandirse, ou formando conxuntos caprichosos, como estalactitas ennegrecidas.


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.