Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

23 de agosto de 2017

PRESENTADAS AS 4 RUTAS MOTEIRAS DA PROVINCIA












O deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou hoxe en rolda de prensa o catálogo que permitirá descubrir As Rías Baixas a través de rutas en moto. Santos Héctor sinalou que se trata "do primeiro folleto que se edita nesta categoría na nosa provincia e permitirá descubrir As Rías Baixas dunha maneira diferente". Baixo o nome de "Apaixonante. Rutas en moto, sinte Rías Baixas", a guía repartirase nas oficinas de turismo da institución provincial e tamén entre os clubs de motoristas de todo o Estado. O catálogo, que tamén estará dispoñible na páxina web www.turismoriasbaixas.com, propón catro rutas distribuídas ao longo de toda a provincia para gozar da beleza natural e da cultura milenaria de Pontevedra.
A primeira das rutas é a "Ruta Costa longa", que transcorre entre A Guarda e Catoira. Deste xeito, sinalou Santos Héctor, os e as motoristas coñecerán "os muíños do Folón e do Picón, as Pozas de Mougás, os concellos de Baiona, Vigo, Redondela, Pontevedra e Sanxenxo, a praia da Lanzada, O Grove, a Illa da Toxa, Cambados, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa", ademais dos concellos de inicio e de chegada.
A segunda das rutas é a "Ruta Costa curta", nesta ocasión entre Baiona e Pontevedra. Dentro do seu trazado os e as apaixonadas das motos poderanse deter "nas praias de Panxón, Patos e Prado, ademais de nos concellos de Vigo, Moaña e Cangas, onde poderán visitar Cabo Home mailo núcleo de Aldán, e tamén as vilas de Bueu e Marín", asegurou o deputado delegado de Turismo.
A terceira proposta chámase "Ruta Interior-Costa" e parte da Cañiza para chegar á Guarda. As persoas que escollan esta opción poderán "coñecer os concellos de Arbo, Salvaterra de Miño, Tui e a parroquia de Goián, en Tomiño", afirmou Santos Héctor.
A cuarta e última ruta, baixo o nome de "Ruta Interior", transcorre entre os concellos de Silleda e Poio. Tras deixar atrás lugares como o mosteiro de Carboeiro ou a fervenza do río Toxa, pasarán "por Lalín, Forcarei e Pontevedra", sinalou o deputado, para chegar ata o punto de chegada co conxunto histórico de Combarro como protagonista.
Santos Héctor sinalou que "no folleto inclúense os mapas de cada unha das rutas propostas, con información turística detallada de cada unha das localidades polas que transcorren". Ademais, tamén "algunhas pistas de actividades que se poden facer detendo unhas horas a motocicleta, como visitar as Illas Cíes, escapar ata Cabo Udra, bañarse na praia fluvial de Goián ou percorrer a senda do río Lérez, na capital pontevedresa", lembrou o deputado. A maiores, a guía tamén "facilita unha serie de consellos para facer viaxes longas en moto, que indican cuestións que se deben ter en conta antes de saír e tamén durante a viaxe".
A blogueira motorista Alicia Sornosa plasmará as rutas nunha guía online
Para a presentación da guía, a Deputación de Pontevedra contou coa presenza da xornalista, blogueira e influencer motorista Alicia Sornosa, "que xa pasou á historia por ser a primeira muller de fala hispana en dar a volta ao mundo en moto", asegurou Santos Héctor. Alicia Sornosa estes días está a percorrer a provincia de Pontevedra neste medio de transporte co obxectivo de "dar a coñecer o interesantes que son As Rías Baixas para visitalas a dúas rodas", sinalou o deputado, que lembrou que "Alicia Sornosa xa percorreu os cinco continentes relatando as súas experiencias na súa páxina web e nas súas redes sociais", nas que conta con entre 33.000 seguidoras e seguidores en Facebook ou os preto de 7.000 en YouTube, "e colabora tamén na guía Repsol".




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.