Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

16 de abril de 2017

CAMBADOS CIDADE EUROPEA DO VIÑO 2017












 En terras de Baco: Cambados, Cidade Europea do Viño


Un templo ao aire libre dedicado ao deus Baco. Iso é Cambados, epicentro da cultura vitivinícola da provincia. A importancia da uva percíbese nada máis poñer un pé nas súas rúas, vestidas de pedra. Tamén no rural, onde os viñedos xogan co horizonte. E nos establecementos hostaleiros, nos que nunca falta unha recomendación para probar as colleitas da terra.

Este ano a declaración de Cambados como Cidade Europea do Viño converte o val do Salnés, a subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas de maior extensión, en centro neurálxico da cultura do viño. Na marxe esquerda da ría de Arousa e ao nivel do mar, os seus viños teñen corpo propio. Pódese gozar deles cada ano na Festa do Viño, declarada de Interese Turístico Nacional e responsable de que o concello se encha de xente en cada edición. Nesta ocasión, as case cen actividades ligadas a esta distinción contribúen a marcar no mapa o destino primordial deste ano: Cambados.

Entre todas elas, os eventos gastronómicos terán un papel destacado na Festa do Albariño, na Festa da Vieira e nas numerosas xornadas de degustación e maridaxe que se propoñen. Exhibicións de cociña e xornadas técnicas para profesionais completan o apartado culinario da cita, na que as e os máis pequenos da casa tamén terán oportunidade de demostrar a súa arte entre fogóns.

Cambados propón ademais diversas probas deportivas e actividades, entre as que destaca de modo especial a ruta das adegas, que comprende unha superficie de 23,5 quilómetros cadrados. Deles, seis atópanse no centro urbano e pódense percorrer a pé, mentres que o resto están nos arredores, polo que se aconsella o uso dun vehículo. Perderse polo seu conxunto histórico é unha alternativa moi aconsellable para coñecer a idiosincrasia de Cambados; trátase dun espazo no que a pedra lles deu forma a enclaves tan recoñecidos coma a praza e o pazo de Fefiñáns, a igrexa de San Bieito ou a torre da Homenaxe, entre outros.

Ámbitos coma a igualdade, a música ou a historia intégranse ademais no programa de actividades de Cambados como Capital Europea do Viño. Esta historia está presente no Museo Etnográfico e do Viño de Cambados, situado nun espazo privilexiado, moi preto das ruínas de Santa Mariña Dozo, monumento de Interese Turístico Nacional. Nel pódese coñecer a cultura popular da zona, a súa arte e a súa cultura vitivinícola, ademais dos útiles dedicados á recolección e a elaboración do viño, que ocupan un lugar destacado nestas salas, situadas na antiga casa reitoral e nunha nova construción, ambas unidas por unha pasarela de cristal.

E, finalmente, o paseo marítimo de Cambados convida a unha camiñada sen reloxo. Na súa costa, a torre de San Sadurniño é testemuña do seu antigo labor defensivo, ligado á protección da catedral de Santiago fronte a posibles invasións por mar.
Así é Cambados, terra onde nunca faltan as propostas de lecer e turismo.




Turismo Rias Baixas











No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.