A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá o Plan de Práctica Laboral 2016 en empresas para mozas e mozos sen experiencia laboral previa. Neste contexto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "o emprego é a prioridade absoluta do novo goberno da institución provincial porque é un dos principais problemas da sociedade, por iso estamos a impulsar políticas de incentivo de emprego como o Plan de Práctica Laboral que vimos de aprobar hoxe".
A través deste plan, tal e como manifestou Silva, "esperamos acadar un impacto positivo á hora de reducir a taxa de desemprego xuvenil, un dos retos máis importante ao que nos enfrontamos, e mellorar, nun futuro, a calidade e a estabilidade no emprego". Así, a institución provincial vai destinar, durante 2016, 669.192 € para o Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra, a través do cal 400 persoas sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos poderán traballar en empresas do sector privado, corporacións sectoriais (colexios profesionais, cámaras oficiais, confrarías, comunidades e federacións deportivas) e organizacións non gobernamentais (asociacións sen ánimo de lucro) da provincia de Pontevedra, coa finalidade de promover e completar a súa formación académica para facilitar a súa futura incorporación ao mercado de traballo. En concreto, 360 das persoas beneficiarias traballarán en empresas privadas e 40 en corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais, recibindo entre 700 e 800 euros ao mes durante 6 meses, con posibilidade de prórroga por outros seis.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "desde que comezou a traballar o novo goberno da institución provincial, hai 9 meses, contratamos xa 3.312 persoas", que se corresponden con 1.550 do ano 2015 e 1.762 entre o plan de emprego (1.162 persoas), o de práctica laboral en concellos e a institución provincial (200) e en empresas (400) durante o ano 2016.
A Deputación de Pontevedra encargarase do financiamento do plan así como da selección, distribución, asignación das bolsas entre as empresas e entidades solicitantes, selección das persoas bolseiras, adxudicación das bolsas e pagamento da axuda e cotización á Seguridade Social.
As empresas interesadas en participar no Plan de Práctica Laboral da Deputación deberán realizar unha preinscrición en liña nesta web e entregala, coa documentación solicitada, no Rexistro xeral da institución. Unha vez rematado o prazo realizarase unha convocatoria pública, destinada á mocidade, coa relación das empresas participantes e as titulacións demandadas por estas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.