Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 800 quilos de peixe e marisco e 390 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados nos últimos días. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron 4.400 metros de artes de enmalle.
A Ría de Pontevedra foi escenario de diversas actuacións dos gardacostas nas que os axentes incautaron 180 aparellos de pesca, máis de 130 quilos de diversas especies e 250 metros de artes de enmalle. O operativo máis destacado foi en Aguete e saldouse coa incautación de 172 nasas de polbo, 2 caceas, un salabardo e co comiso de 57 quilos de polbo e 35 de centola ovada.
Na ría de Arousa os gardacostas realizaron varios operativos que deron como resultado o comiso de 111 quilos de peixe e marisco e a incautación de 101 útiles de pesca e 250 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante levada a cabo na zona resultou coa incautación de 95 butróns e co comiso de preto de 32 quilos de choco.
Por outra banda, na ría de Vigo, os axentes tamén realizaron diversas operacións que se saldaron o comiso de preto de 162 quilos de diversas especies e coa incautación de 50 aparellos de pesca e de 3.750 metros de artes de enmalle. O operativo máis importante desenvolveuse nas zonas das Queimadas, praia de Samil, Pedras do Sinal e Cabo do Mar e nel os axentes comisaron preto de 29 quilos de peixe e marisco, a maioría choco. Ademais, os inspectores tamén se fixeron con 1.500 metros de artes de enmalle.
Na ría de Muros-Noia os gardacostas tamén fixeron dúas inspeccións contra a extracción ilegal. Nunha delas, levada a cabo en Broña e O Freixo, incautaron unha embarcación de porexpán que carecía de nome e 8 nasas de ferro. Noutra actuación na enseada de Bornalle e Porto do Son, comisaron 21 quilos de marisco –a maioría centola ovada- e incautáronse de 2 viveiros.
Ademais, nun control realizado no porto de Cariño, en Ortigueira, os axentes de Gardacostas requisaron 150 metros de artes de enmalle.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.