A medida non é nova, pero a Xunta está decidida a que, esta vez si, o sexa o seu cumprimento.

Para evitar que os alcaldes se inhiban, como sucedeu coa norma do 2002 ante as instrucións do bipartito, a nova converte en obrigación municipal o que ata agora era unha potestade.
A Administración renuncia a «esixencias máximas» sobre os materiais para empregar, pero si reclama uns mínimos en canto a un recebado exterior que evite o impacto desas vivendas sobre o «patrimonio común». O presidente da Fegamp, o socialista Alfredo García, incide nas reticencias dos alcaldes, que agora autorizarán as edificacións en chan rústico. «É un problema de pedagoxía, máis que de legalidade», obxecta García, que cre que a Xunta debe implicarse con axudas económicas aos propietarios desas casas sen recebar.
Remate exterior
Fachada e cuberta. A obrigación de rematar as vivendas afecta tanto á fachada como á cuberta. Isto inclúe, ademais de cerramentos e muros, a carpintería exterior: portas e xanelas. No caso de que o propietario dunha casa sen acabar non atenda a orde municipal para completar eses traballos, o concello procederá á súa execución forzosa coa imposición de sancións coercitivas. O seu importe pode alcanzar os 10.000 euros desde un mínimo de 1.000, cando coa lei actual eran 600. No caso de que o dono da casa siga negándose, as multas duplicaríanse cada trimestre ata acumular ese máximo de 25.000 euros en 15 meses: 1.000 da primeira, 2.000 da segunda, 4.000 da terceira, 8.000 da cuarta e 10.000 da quinta. A maiores, a infracción leve que supón deixar unha edificación sen finalizar leva de entrada unha multa de 300 a 600 euros. A lei permite ao concello asumir as obras necesarias e pasar a factura ao propietario.

Casas sen construír
Prórroga de licenzas caducadas. Unha das grandes novidades do novo marco normativo é a posibilidade de prorrogar varias veces a licenza de obra nos casos nos que expirase o prazo de tres anos que establece ese permiso municipal. Nesas leiras que seguen ocupadas por tempo indefinido con edificios dos que só se levantaron cimentos e pilares, a Xunta supeditará a ampliación do prazo da licenza a que o promotor realice previamente as obras de acabado exterior, tanto da cuberta como da fachada. O Executivo atende así unha petición de alcaldes e promotores.

Edificios anteriores ao plan urbanístico. A nova lei, que tamén prohibe as urbanizacións illadas, dará seguridade xurídica aos donos de miles de casas e naves construídas antes de que o concello no que se localizan tivese plan urbanístico, polo que eran consideradas como fóra de ordenación. Só quedarán á marxe desta regularización as edificacións en zonas verdes ou que afecten a viarias ou equipamentos públicos, nas que só estarán permitidas obras de mantemento.
Simplificación
Menos trámites e máis rápidos. A principal razón de ser da nova Lei do Solo é simplificar a confusa tramitación do plan, que agora empantana aos concellos durante máis de 8 anos de media. A norma reduce os informes autonómicos a un, implanta o silencio positivo se a Administración non se pronuncia en tres meses, e ofrece un plan básico aos concellos con menos de 5.000 habitantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.