O GRUPO DE TRABALLO ENCARGADO DA REDACCIÓN DO PROGRAMA ELECTORAL DE SOMOS CAMBADOS REMATOU O PROCESO DE ELABORACIÓN DO MESMO COAS APORTACIÓNS DA XENTE QUE PARTICIPOU NAS ASAMBLEAS E NAS REDES SOCIAIS
A plataforma cidadá, Somos Cambados, a través do grupo de traballo encargado da redacción do programa electoral, rematou de plasmar todas as ideas que nos foron aportando os veciños e veciñas de Cambados na elaboración dun programa real e participativo.
Dende Somos Cambados pensamos que os veciños e veciñas da nosa vila estamos nunha época onde o urxente é axudar ás persoas que máis o precisan. Así, cremos que debemos facer un esforzo para aumentar a partida de atención social, pero non como até agora que a maior parte desta partida de gasto ía destinada a custes laborais, senón destinala a atender ós veciños e veciñas de Cambados que máis o precisan. Non pode ser que se paguen case 42.000 € en complementos salariais ós empregados na area social cando as axudas ás familia e asociacións apenas chegan os 34.100 € no exercicio 2013. Ou que nese exercicio as axudas para alimentos sexan só de 10.738,75 € e pola contra os gastos en Dietas e Locomoción de órganos de Goberno sexan de 3.567,51 €. Ou manter un servizo de Axuda no Fogar privatizado, no que tanto o Concello como os usuarios non só teñen que sufragar o custe do servizo, senón ademais facerse cargo da plusvalía da empresa adxudicataria do mesmo.
Tamén se aportaron unha serie de medidas para a loita contra o desemprego, na que o Concello de Cambados é con moita diferenza o que menos fondos destina por habitante de tódolos concellos do Salnés.Non se pode entender a falla de recursos nesta materia por parte do PP cando levamos meses con máis dun 25 % da poboación activa en situación de desemprego, ou con contratacións precarias e temporais (só 12 dos 290 contratos no Concello de Cambados no mes de febreiro foron indefinidos). O que leva a situacións como a dos datos de desemprego do mes de Marzo, onde concellos como Sanxenxo, O Grove ou Vilagarcía de Arousa conseguiron reducir o desemprego en máis dun cento de persoas, e pola contra vemos como o Concello de Cambados ocupa un dos últimos postos, con só 6 persoas menos en situación de desemprego, sendo na actualidade o número de persoas en situación de desemprego en Cambados de 1.660 persoas.
Dende Somos Cambados entendemos que nestes momentos o Concello de Cambados debe ter claras as súas prioridades: traballar para e por a xente que máis o precisa, ademais de loitar contra o desemprego e crear medidas que eviten a sangría da emigración dos nosos veciños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.