A mentira como rutina na xestión do concello
Artigo de Víctor Caamaño
portavoz do B.N.G. en Cambados
A pasada semana tivemos a ocasión de comprobar como o PP non entende en que consiste iso do que tanto fala e chama transparencia. E sobre todo á transparencia referida á utilización dos cartos de todos e todas, que está a manexar. Estamos a falar do asunto das contas da Festa do Albariño que solicitamos o pasado mes de agosto, que se nos entregou no mes de novembro e que no mes de febreiro comprobamos como, ao BNG, se lle ocultou a verdade; é dicir, se lle mentiu. No seu momento, a petición de información económica (contas do Albariño 2014) era moi clara e o BNG a repite todos os anos considerando, ademais, que por falar de cartos públicos, a referida documentación debería estar á vista de todos os veciños e veciñas.
Os datos sobre as contas do Albariño que nos facilitaron novembro, mostraban uns gastos totais de 251.082´62 € e o BNG sinalaba, naquel momento, que lle semellaba moi raro que non constaran, por exemplo, os gastos da habitual empresa de catering do Xantar do Albariño, o que nos levaba a desconfiar que, tal vez, tamén se “esqueceran” de apuntar outros gastos relacionados coa citada festa. E así foi. No pleno da pasada semana demostrouse que o PP ocultaba datos, pois de súpeto apareceu un novo gasto de 42.256 € en festexos, onde a factura de máis de 5000 € de Pulpería Aurora, certas actuacións típicas desta festa e finalmente a resposta do alcalde, confirmaron as nosas sospeitas de que ao BNG non se lle entregou toda a información referida aos verdadeiros gastos ocasionados pola festa. Calquera se fía de gobernantes así…
O BNG non pode entender como o PP fai unha ocultación tan burda de datos que, ademais, sabe van ser públicos; mostran poucas luces nisto. Este modo de actuar non é casual e, polo tanto, demostra, por unha banda, un comportamento infantil, indigno da responsabilidade que esixe ser un representante político elixido democraticamente e, por outra banda, o PP con este tipo de comportamentos está pedindo a berros deixar o goberno municipal do concello de Cambados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.