O próximo 19 de febreiro é a data límite para aceptar o ultimatum de Sogama, é dicir, da Xunta de Galiza e, polo tanto, seguir apostando por este modelo nos próximos 5 anos; seguir apostando por un modelo caro e contaminante. Non se entende como o noso alcalde e os outros do PP do Salnés prefiren aceptar un modelo que non lles gusta (por certo, por caro, non por contaminante) e aceptan o que lle ven imposto desde Santiago sen barallar outras opcións. Isto demostra moi poucas miras e ningunhas gañas de contradicir aos “xefes”. Non son capaces de ollar máis aló dos límites do seu concello, pois poderían apostar por mellores modelos como o que se utiliza na comarca do Barbanza. Un modelo máis barato, máis ecolóxico e que, claramente, crea máis postos de traballo, cuestión que tamén debe ser un obxectivo prioritario a valorar. Pois, sen ter en conta os empregos destinados directamente á recollida de lixo, o modelo do Barbanza utiliza 1 traballador por cada 380 toneladas tratadas, mentres ca o de Sogama utiliza 1 traballador por cada 2.496 toneladas (isto demostra claramente unha das vantaxes máis importantes a ter en conta na actualidade e no futuro). E a esta vantaxe debe sumárselle outras como a utilidade do compost producido neste tipo de plantas (terras de cultivo do Salnés), o seu prezo á venta por tonelada (45-37 €) e o mínimo impacto sobre o medio ambiente á diferenza do que ocorre con Sogama.
As cousas, neste asunto, están moi claras e buscar solucións pasa por ter vontade política, sobre todo cando se goberna en Cambados, na Mancomunidade do Salnés, na Xunta de Galiza e no Goberno Central. Se neste asunto o PP non toma as decisións adecuadas é por incapacidade, por falta de vontade política ou polas dúas cousas.
UN ARTIGO DE VÍCTOR CAAMAÑO, VOCEIRO DO BNG EN CAMBADOS
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.