Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

20 de enero de 2015

O BNG DE CAMBADOS APOSTA POLA COMPOSTAXE




Estes últimos anos estamos a comprobar como as taxas que o concello ten que pagar polo servizo de  SOGAMA, están a subir de xeito continuado e desproporcionado. Ademais, estas subas abusivas, están a facerse de xeito unilateral sen ter en conta aos concellos. As competencias en materia de xestión de residuos municipais debe ser exercida en cooperación coas entidades locais (segundo a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: “Resolución de 15 de decembro, pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos”), aínda que Sogama está a actuar de xeito unilateral pois non consulta decisións aos concellos como a  adhesión  ao novo sistema de xestión de residuos que foi coñecido polos concellos a través dos medios de comunicación e do DOG.
A Xunta de Galicia persiste en identificar a viabilidade do sistema de xestión de residuos coa supervivencia económica de SOGAMA, mentres que o racional  sería estudar  e aplicar alternativas que superen este modelo caduco, tanto pola súa insolvencia económica como pola súa insostibilidade   ambiental. O sistema de Sogama non só supón potenciar un sistema contaminante e caro, senón que para subsistir  require do aumento da produción de lixo.
Para o BNG, a Xunta debería traballar para fomentar alternativas a SOGAMA e colaborar e dialogar neste ámbito. Pola contra, comprobamos como pretenden continuar coas imposicións autocráticas e intentan frustrar as alternativas que neste ámbito puideren xurdir.

No derradeiro pleno municipal, no punto relativo aos Orzamento para o ano 2015, o grupo municipal do BNG facía unha proposta relativa a alternativa da compostaxe para tentar reducir a factura que o Concello paga a Sogama e buscar unha alternativa perdurable e que a diferenza de Sogama, supoña unha mellora ambiental. Este paso significaría o inicio dunha aposta realista e perfectamente aplicable a gran parte do  noso concello, en especial ás zonas máis agrícolas pero factible, de forma xeral, para calquera veciño/a que dispoña dunha pequena horta.
A materia orgánica, coa que producir compost,  supón aproximadamente a metade do contedor do lixo, sendo unha fracción doadamente diminuible  en vivendas con hortas ou xardíns mediante compostaxe. O promedio de xeración de residuos ronda os 0´70 Kg por persoa e día, dos cales o 42% se corresponde con residuos degradables a compost. Supoñendo unha media de 2´5 habitantes por vivenda, estímase que a redución do lixo orgánico a compost, por fogar e día, é de 0´735 Kg. O compost suporá  a redución na xeración de residuos, a diminución de molestias (ruídos, cheiros), a redución de gastos de recollida de lixo e, ademais, contribuirá a manter a fertilidade das terras de cultivo e reducir a factura que o concello paga a  Sogama. Ademais estímase que o investimento por instaurar un modelo de compostaxe en Cambados, como xa hai noutros concellos do Salnés, estaría amortizado en, aproximadamente, tres anos de funcionamento e a partir de aí só suporía beneficios para o concello. A aposta pola compostaxe doméstica debería ser un primeiro paso para que Cambados e outros concellos da comarca do Salnés pasen a apostar, nun futuro próximo, por un modelo de tratamento de lixo máis rendible ecolóxica e economicamente, por un proxecto comarcal de reciclaxe e compostaxe que permita, ademais, a creación de emprego nos diferentes concellos e acadar os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe das sociedades avanzadas.

Por iso o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte:
ACORDO
1.- Destinar unha parte do Orzamento municipal para:
  • a.- implantación dun programa de xestión de residuos orgánicos mediante compostaxe caseira e comunitaria;
  • b.- desenvolvemento dun programa de educación ambiental para a redución de residuos.
2.- Solicitar da Xunta de Galicia o financiamento prioritario das actuacións de mellora de recollida selectiva e das actuacións de prevención a través da educación ambiental e á implantación da compostaxe doméstica.

3.-Instar ao Goberno galego a colaborar economicamente cos concellos da Galiza que pretendan impulsar tratamentos alternativos a SOGAMA e que estean baseados no fomento da reciclaxe fronte á incineración.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.