A apertura á extracción desta especie nesta ría -aínda que se están analizando e tomando mostras noutras- é posible grazas aos diversos estudos e análises realizados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e polo INTECMAR, que permitiron analizar a evolución dos niveis de chumbo nos diferentes tamaños do molusco. As conclusións destes estudos determinan que se poderá extraer o reló sempre que a talla estea entre os 30 e os 35 milímetros e que procedan de zonas nas que as análises efectuadas avalen a súa extracción.
Susana Rodríguez e Covadonga Salgado explicaron ao sector que naqueles bancos marisqueiros que son xestionados pola Xunta, como Bohído e Cabío, a extracción abrirase mediante resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar. No resto dos bancos é necesaria unha solicitude previa por parte da confraría.
A explotación do reló en Galicia foi suspendida no ano 2008. Dende o 2009, a Consellería do Medio Rural e do Mar decidiu levar a cabo estudos e realizar mostraxes por tallas para poder comprobar a diferenza de concentración de chumbo, en función do tamaño da especie. Destas mostraxes deduciuse que, en determinados bancos, a presenza de chumbo en exemplares de reló con talla inferior aos 35 mm non superaba os límites autorizados pola Unión Europea para a súa extracción para consumo humano con todas as garantías sanitarias. Isto permite que a Xunta poida proceder a apertura á extracción e comercialización do molusco en determinados bancos a partir de agora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.