O B.N.G. pide protección para o marco que hai no cruceiro e que xa destapou CORES DE CAMBADOS hai unhas semáns.
O coñecemento da historia dun pobo non está só no que lemos nos libros, senón tamén na contemplación e goce daqueles restos mobiliarios ou inmobiliarios que nos deixaron os nosos antepasados. No ano 1670 levouse a cabo o apeo para deslindar claramente a xurisdición da Vila de Cambados, entre os señoríos de Fefiñáns e San Tomé, segundo acordo de Comisión do Real e Supremo Consello de Castilla. A acta deste apeo foi publicada por Cabanillas no periódico “El Umia”, en 1907, e reproducida máis tarde por José Caamaño Bournacell, cronista oficial de Cambados, no seu libro “Cambados a la luz de la Historia”. Pois ben, deste apeo, e a pesar do tempo transcorrido, consérvase na vía pública, concretamente na prolongación do Camiño do Castro, no lugar do Cruceiro, un dos marcos que se colocaron con tal motivo, e no que figura a seguinte inscrición: “ + // Nº 1º// SON // DE “.
Á súa conservación contribuíu o feito de estar situado este marco durante moitos anos dentro dun valo de rebos que cerraba una finca. Hai uns anos derrubouse este valo para ensanchar e pavimentar o camiño, respectándose, por suposto, o marco histórico no seu sitio. Pero agora o marco queda desamparado. Unha mala manobra de calquera vehículo que pase por alí pode esnaquizalo, como pasou recentemente con senllos cruceiros en San Tomé e Fefiñáns. Para salvagardalo non fai falla trasladalo a un museo, como se fixo co que había no camiño de Santa Mariña ao Monte do Rei; senón habería que trasladar tamén tódolos cruceiros. O interese histórico deste marco, e de todos, é que estea precisamente aí, no seu sitio, sinalando o que sinalou antigamente. Para a súa conservación coidamos que se poden adoptar diversas medidas de protección que o defendan de posibles agresións do tráfico de vehículos, como pode ser a colocación dun valado ou de bolardos, a construción dunha beirarrúa, establecendo una dirección única se é preciso, ou calquera outra que asegure a súa protección, e que, por suposto, non impida a súa contemplación.
Polo tanto a formación nacionalista pide que, desde o concello de Cambados, se tomen as axeitadas medidas para a protección e conservación do citado marco xurisdicional.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.