RESUMO DA ROLDA DE PRENSA DESTA MAÑÁN
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, manifestou hoxe, en rolda de prensa, que a transparencia, a colaboración coa xustiza e a exemplaridade "son a mellor contribución das institucións á rexeneración da vida pública e á confianza dos cidadáns nelas para que non quede sombra de dúbida do funcionamento das administracións, dos seus funcionarios e das súas autoridades".
Louzán sinalou que o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, a resultas de denuncias presentadas no ámbito empresarial privado, está a investigar indicios de presuntas prácticas irregulares dunha serie de empresas nas súas relacións con varias Administracións públicas de todo signo político.
Indicou que, neste marco, á Deputación de Pontevedra -coma a outros concellos e entidades da provincia- fóronlle requiridos varios expedientes de contratación, procedentes de concursos públicos realizados de acordo coa lei e cos procedementos legais. "Temos, pois, unha absoluta tranquilidade a respecto de posibles irregularidades, pois todos eles están ó amparo de procedementos regrados" dixo.
O presidente da deputación pontevedresa destacou que "o feito de que a Xustiza actúe contra os que cometen algún tipo de irregularidade e faga as oportunas investigación para sacalas á luz non só é positivo, senón que o consideramos fundamental para o bo funcionamento do Estado de Dereito e para evitar que as institucións estean ó servizo de quen as quere utilizar para beneficio propio".
Según el, "ademais diso, tamén é fundamental que non se dane aínda máis a confianza da cidadanía nas institucións e nos representantes políticos e que non se prolonguen innecesariamente, máis alá do razoable, os procedementos xudiciais".
Neste sentido, pediu o máximo respecto para os órganos xurisdicionais e para as institucións "pois a xustiza non xulga institucións, senón comportamentos presuntamente irregulares de persoas".
Na súa intervención asegurou que ningún funcionario ou político da Deputación de Pontevedra é acusado de nada. "Aínda así, defendemos a presunción de inocencia desde a certeza de que a responsabilidade política ou administrativa vai aparellada á responsabilidade xudicial. Se esta desaparece, desaparece a outra. E, se a houbera, que ninguén dubide que se actuará en consecuencia e con todo o rigor e contundencia".
Finalmente, lembrou que a Deputación informou da intervención da policía xudicial nas dependencias o mesmo día, con dous comunicados remitidos ás 10 e ás 14:30 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.