O B.N.G. de Cambados ven de presentar unha moción para que se debata e vote no vindeiro pleno a celebrar no noso Concello.
A moción vai en contra das subas de impostos que se lle plantexan aos autónomos e di así:
A situación económica para moitas persoas autónomas e titulares de PEMES é crítica. Sobre todo, persisten as dificultades para obter liquidez para a maior parte das empresas galegas (microempresas e pequenas empresas) para poder continuar realizando a súa actividade.
Esta situación vese agravada na actualidade pola política económica emprendida polo Goberno central, sobre todo por unha reestruturación financeira que non asegurou que os inxentes fondos públicos destinados ao apoio do saneamento da banca tivesen como destino final os sectores produtivos, e dun xeito máis concreto polas últimas decisións adoptadas relativas ao incremento dos custos sociais, a través do aumento das cotizacións para autónomos e autónomas.
Así, o Goberno vén de aprobar un considerable incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. A consecuencia directa desta medida será afondar no estrangulamento económico ás persoas autónomas e a emprendedoras. Ademais, o efecto indirecto será a destrución de emprego neste tipo de unidades económicas ao forzar a que sociedades deste tipo contraten menos de 10 persoas.
Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas.
Estas medidas aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado.
As implicacións desta suba das cotizacións serán a de dificultar a recuperación económica para persoas autónomas e pequenas empresas, mesmo contribuír a unha maior desaparición de pequenas empresas, mentres se limita a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico en Galiza e no Estado.
Non ten sentido que se incrementen as cargas sobre estas unidades económicas mentres se aumentan as axudas a grandes empresas, ao mesmo tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.