Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

9 de agosto de 2012

HOMENAXES E RESPETO



A continuación reproducimos un comunicado que nos fai chegar o grupo de Gaitas "OS FAISCAS"


HOMENAXES E RESPETO


Ramón Vázquez Acha, Xaquín Xesteira Losada, Xosé Manuel Gómez Oubiña e, ata xaneiro deste ano, Ernesto Abal González, somos Os Faíscas de Solobeira. Dicimos somos porque para nós Ernesto sempre formará parte deste cuarteto. Dos 30 anos que levamos tocando, os últimos 20, Ernesto acompañounos, como se soe dicir, nas verdes e nas maduras. Tamén fomos conscientes de cómo el gozaba con cada alborada ou calquera celebración á que nos chamaban.

Non fai falla ser moi listo para decatarse de que todo este tempo é máis que suficiente para coñecernos ben, saber como pensa cada un e, tal vez o máis importante, ter unha idea clara de cómo se debe facer, tratar e gozar coa música tradicional.

Din que ninguén é profeta na súa terra, dende logo, nós nunca fomos afortunados en Cambados, e sobre todo polos que gobernaron este concello. É triste e, ao mesmo tempo, vergonzoso que as persoas que non gozan da nosa simpatía, sexan as que agora queiran facerlle unha homenaxe a un de nós. E xa non falemos das formas que tiveron con este grupo á hora de organizar dito evento.

Señores do Concello de Cambados:
A mellor homenaxe xa lla tributamos os compañeiros e amigos que no seu momento estivemos onde tiñamos que estar, con el e coa súa familia; que sería como máis lle houbera gustado a Ernesto.

Tal vez o único problema é que alí non saíran vostedes na foto ou non se enchera un día de programación na Festa do Albariño.

Tampouco entendemos por qué se negaron a aprobar unha proposta presentada ao Concello en dúas ocasións para que o Centro Cultural de Vilariño, a súa parroquia, levara o seu nome. Tal vez porque a proposta a presentaron uns, e non outros?

Por outra banda, non se preocupen, que se algún día fai falla homenaxear a algún membro deste grupo, xa o faremos nós, pero ao noso xeito, coas persoas e grupos coas que lle houbera gustado ao noso compañeiro.

Por último, e dende o noso máis fondo sentimento de amargura e indignación, queremos pedirlle algo que non costa nada: RESPETO.

OS FAÍSCAS DE SOLOBEIRA
Asinado:
Ramón Vázquez Acha “O Chilro”
Xaquín Xesteira Losada
Xosé Manuel Gómez Oubiña




No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.