No medio do proceso para a adxudicación da
xestión dos parques de bombeiros da provincia, os profesionais do
consorcio presentaron unha denuncia contra Celta Prix, a empresa que
desde hai dez anos encárgase destas funcións, á que acusan de incumprir o
convenio que rexe o servizo.
Os enfrontamentos entre os bombeiros e Celta
Prix, actualmente en concurso de acredores, veñen de atrás. Acúsana de
non cubrir as baixas de persoal, de non realizar as necesarias revisións
de material nin promover a formación continuada dos traballadores. «A
todo isto habería que sumar as continuas presións que exerce sobre os
traballadores con expedientes inxustificados e despedimentos nulos e
improcedentes», situación que levou ao persoal a unha folga indefinida
que, en teoría, aínda segue en pé.
Por todo iso, en marzo os sindicatos e a empresa,
baixo a tutela de Inspección de Traballo, acordaron crear unha comisión
paritaria para velar por estas cuestións, comisión que nunca se chegou a
facer efectiva. Ante esa situación, o pasado 2 de xullo, os
representantes sindicais dos bombeiros acudiron ao servizo de
conciliación, e como a empresa non se presentou, acordaron denunciar os
feitos ante o Xulgado do Social.
Entre outras cuestións, os bombeiros denuncian
irregularidades nas horas extras. Como por falta de persoal teñen que
facer moitas, a empresa os chama e, por convenio, págalles a 14 euros a
hora, ata un máximo de 120 euros. Pero cando un bombeiro fai unha garda
de substitución, páganlla tamén a 120 euros e non como unha xornada de
traballo, que vai de 240 a 280 euros.
Pero as protestas afectan a outras moitas
cuestións que teñen que ver co material, coas quendas, coa falta de
persoal, cos despedimentos... Por iso, ante o proceso de adxudicación da
xestión do servizo, os bombeiros queren curarse en saúde e piden á
Administración que non permita que Celta Prix se presente, xa sexa en
solitario ou utilizando outro nome nunha suposta unión temporal de
empresas, e suxiren que o adecuado sería que o servizo se adxudicase a
unha empresa con experiencia en urxencias. Como se sabe, Celta Prix
opera, sobre todo, co servizo de lixos. «A Administración -din- debería
velar para que eses 22,2 millóns de euros sexan xestionados por unha
empresa seria».
Tamén se queixan por cuestións relacionadas co
prego de condicións, onde se recolle que en Vilagarcía deberá haber un
bombeiro máis por quenda pero, ao mesmo tempo, amplíaselles o campo de
acción a cinco municipios máis.
O prazo que teñen as empresas interesadas en
xestionar os parques de bombeiros da provincia finaliza o día 21; ata
esa data poden presentar as ofertas. Sábese que xa hai firmas
interesadas que estes días se achegaron polos parques para coñecer as
instalacións e presentar as súas propostas ante o consorcio de
bombeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.