As enemigas eran a herba da pampa e a uña de gato. O Colectivo
Ecoloxista do Salnés (CES) organizou nesta fin de semana unha batida
para protexer a flora e fauna da duna de Baltar, en Portonovo.

A invasión de plantas exóticas despraza a
flora e fauna da duna e, fronte a iso, arredor dunha quincena de persoas
convocadas polo Colectivo Ecoloxista do Salnés puxeron mans á obra para
protexer o rico ecosistema da duna de Baltar. Con medios mecánicos, é
dicir, sen utilizaren herbicidas, botaron fóra 200 plantas de herba de
pampa e boa parte das matas de uña de gato que ameazaban a conservación
das especies propias. Membros do CES e dous operarios municipais que
participaron na actividade retiraron arredor de trinta sacos de vexetais
tirados pola veciñanza.
Na batida contra as especies invasoras, o CES detectou que novas
especies comezan a se estenderen pola duna, axudadas polos usos que se
dan na praia, “colocación de postos de artesanía sobre a duna, paso de
tractores que compactan a area, rozas indiscriminadas e pouco
coidadosas...” .

Despois da actividade física, o CES fai balance e as recomendacións
mínimas para conservar a riqueza da duna de Baltar. Replantar con
especies propias e eliminar as invasoras é unha acción básica sen a que
será imposíbel conservar a rexeneración realizada por Costas con cartos
públicos. Advirten, de todos xeitos, que “este traballo non debería
descansar no voluntarismo, senón nun plan técnico e profesional que
permitira un esforzo máis continuado e eficiente”.
Convida, por tanto, as distintas administracións implicadas a se
comprometeren coa conservación das especies dunares, non só pola súa
beleza mais tamén polo seu valor ecolóxico. “As plantas agarran da area
que o vento transporta dende a praia e sen elas a praia iría minguando
co tempo” explican desde o CES, despois da xornada de traballo na duna.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.