Novas normas en Galicia: estes son todos os cambios que entran en vigor este sábado Elimínanse as restricións de aforo nas terrazas de bares e restaurantes e aumenta, en xeral, ao 75% o aforo nunha gran maioría de espazos e actividades Galicia segue avanzado na desescalada e este sábado entrarán en vigor unha serie de cambios que, maioritariamente, afectarán as limitacións de aforo. Este sábado, os galegos rexeranse por unha normativa que regulará, de maneira xeral, os aforos en varias actividades e sectores, como a hostalería, a cultura ou o transporte. A continuación, resumimos todos o cambios anunciados este mediodía polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que entrarán en vigor na madrugada deste venres 25 de xuño ao sábado 26. Hostalería Os bares e restaurantes verán relaxadas as súas restricións desde este sábado. Así, elimínanse as limitacións de aforo nas terrazas, que poderán funcionar ao 100% da súa capacidade. Así, no caso dos concellos en nivel medio baixo -toda Galicia, fóra de seis municipios- verán incrementado o seu aforo do 75% ao 100%. Con todo, o aforo en interior mantense en 50%. Tamén se mantén as limitacións de seis persoas en interior de cafeterías e restaurantes e 15 en terrazas. Os locais de hostalería tamén poderán comezar a utilizar as barras. Iso si, unicamente permitirase o seu uso para pedir e servir, pero non se poderá consumir nelas. Este último uso aínda seguirá prohibido. Transporte urbano Aumenta o número de persoas que poden ir de pé no transporte urbano. Así, desde este sábado, o aforo dobrarase: pásase dun sexto a un terzo do espazo para ocupar; e poderanse ocupar todos os asentos. Centros comerciais As restricións tamén se relaxarán nos centros comerciais, onde desde o sábado poderanse reabrir as áreas de descanso e as zonas infantís de centros comerciais.
Ambito relixioso Aumenta ao 75% o aforo nos lugares de culto. Ademais, sobe de 25 a 50 persoas o número máximo de asistentes a un enterro. Ámbito cultural Aumenta o aforo ao 75% en academias, museos, centros de formación, congresos, arquivos, bibliotecas, acuarios e zoolóxicos. Deporte Tamén aumenta ao 75% o aforo nos ximnasios, onde, como tamén ocorre cos centros de danza, desde o sábado poderase recuperar o contacto físico entre participantes nas diferentes actividades impartidas nestes espazos. Uso máscara ao aire libre O comité clínico propoñerá no Consello Interterritorial de Saúde flexibilizar o uso da máscara ao aire libre. Á espera de coñecer a decisión que tome o Goberno, por se puidese implantar unha norma de obrigado cumprimento polas comunidades autónomas, no caso de Galicia este elemento de protección poderá retirarse a condición de que se manteña a distancia de seguridade de metro e medio. No caso de que non sexa así, será obrigatorio seguir cubrindo boca e nariz coa máscara. Lecer nocturno Os pubs, discotecas e demais locais de lecer nocturno poderán reabrir as súas portas desde o próximo o 1 de xullo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.