A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, destacou hoxe, durante o acto de clausura do obradoiro de emprego Ruta Marítima Camiño de Santiago II, o “absoluto compromiso” do Goberno galego coa formación e a inserción laboral no Concello de Cambados, xa que anunciou o comezo inminente doutras dúas iniciativas destas características para favorecer a reactivación económica e incrementar os niveis de ocupación.
A representante autonómica revelou que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de aprobar o obradoiro de emprego dual Rutas Xacobeas, que se desenvolverá cos módulos de Xardinaría e Forestal, e a iniciativa para xóvenes Cambados Emprendedor II, que impartirá Dinamización de Actividades de Tempo Libre e Culturais e Limpeza de Espazos Abertos, Instalacións Industriais e Xestión de Residuos. Ambas terán lugar durante nove meses e formarán, en total, a 40 persoas -vinte delas de ata 30 anos no caso da segunda- grazas a un investimento de 776.000€.
A delegada territorial engadiu que os esforzos continuados da Xunta nesta área “permiten que a nosa comunidade teña moito mellores datos de ocupación laboral que a media de España” e ademais deixou claro que a creación de emprego sitúase, no actual contexto da pandemia, no podio de prioridades xunto coa Sanidade e a Educación: “Estamos a redobrar os esforzos en formación e na inserción laboral especialmente nestes momentos tan complicados pola crise sanitaria, xa que temos como obxectivo principal o impulso, canto antes, da reactivación”.
Luisa Piñeiro, que estivo acompañada na clausura pola alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, tamén quixo agradecer ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas para mellorar as tres rutas do Camiño de Santiago ao seu paso por Cambados e para as labores de limpeza e prevención de lumes no monte da Pastora”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para adentrarse con forza no mercado de traballo”.
En canto a este clausurado obradoiro de emprego Ruta Marítima Camiño de Santiago II, desenvolveuse dende o pasado mes de novembro e recuperou as súas semanas de paralización polo estado de alarma decretado fronte á covid-19 grazas a un acordo da Xunta, que pretendía non prexudicar nin menoscabar a súa formación polos efectos da pandemia.
Así, celebrouse durante doce meses cun investimento de 336.446€ e contou coa participación dunha vintena de desempregados de Cambados que realizaron a súa actividade formativa nos módulos de Carpintaría de Madeira e Xardinaría-Forestal.
O acto de clausura, que tivo lugar na Praza de Fefiñáns, tamén contou coa participación do director, Enrique Ferreiro, a titora, docentes, persoal e os alumnos do obradoiro e culminou coa entrega de diplomas acreditativos.



No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.