Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 60 están en unidades de hospitalización e 783 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.740 persoas curadas, rexistrándose 614 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 135.464.
As cifras de Ourense publicadas hoxe polo Servizo Galego de Saúde revelan por primeira vez un aumento no número de casos activos este mes. O gráfico do coronavirus no resto de áreas baixa un pouco, salvo Lugo, que segue igual que onte. En termos xerais, Galicia segue freando o virus, pero cada vez máis amodo.
Desde que a Xunta cambiou a súa forma de contar casos o 29 de abril, a área ourensá era a única das sete galegas que experimentara un descenso sen interrupcións. Esa mellora truncouse este luns cun lixeiro repunte de tres casos máis desde o domingo.
O repunte de Ourense é mínimo: de 124 casos activos a 127 hoxe. Nada de que preocuparse, polo menos por agora, tendo en conta os precedentes do resto de áreas. Todas xa sufriron leves repuntes en xornadas concretas, para despois volver baixar.
Por exemplo, Lugo experimentou onte unha subida similar á que sofre hoxe a área da cidade termal. Nesta xornada non rexistrou nin subidas nin baixadas, polo que se mantén nos 58 casos de onte.
Os repuntes puntuais observados en todas as áreas poden ter que ver coas probas de anticorpos que a Xunta está a realizar a determinados colectivos moi expostos. Mentres o positivo en anticorpos non se ratifica ou desmente cun PCR poden pasar algúns días, polo que eses positivos por anticorpos entran no censo de casos activos.
Doutra banda, o resto de áreas si ven aliviada a súa gráfica. Vigo, a máis castigada en termos absolutos perde seis casos desde onte, mentres que A Coruña, a segunda con máis casos de coronavirus activos, perde oito casos. Santiago é nestes momento a terceira área máis afectada e só decrece en dous casos con respecto a onte.
Pontevedra e Ferrol mantéñense como as áreas con menos casos positivos. A área pontevedresa, despois de non experimentar cambios o pasado domingo, hoxe ve reducida a súa estatística nun caso menos, mesmo descenso que a área da cidade departamental, que baixa ata os 26 casos activos, a cifra máis baixa das áreas galegas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.