Estado de alarma: Todas as novas medidas e axudas que aprobou hoxe o Goberno
As medidas aprobáronse este martes para axudar a máis sectores da poboación
O Goberno aprobou este martes un novo paquete de medidas para axudar a autónomos, inquilinos, persoas vulnerables e empregadas do fogar mentres dure a crise do coronavirus. A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero aclarou que estas medidas «complementan as que se foron aprobando nas semanas anteriores» e que a intención é que «ninguén quede atrás».
As novas medidas aprobadas
Aluguer: Suspéndense todos os desafiuzamentos seis meses tras o fin do estado de alarma, a prórroga extraordinaria de seis meses dos contratos de aluguer de vivenda habitual para evitar subidas abusivas. Ademais, quen caia en situación de vulnerabilidade pode acollerse a un microcrédito que dará o estado a tipo 0 de interese, a devolver en 6 anos ampliable a 10 en caso de dificultades. Poderán acollerse a este tipo de axudas persoas afectadas por unha redución de xornada, un ERTE, unha caída de ingresos... O Goberno tamén afirmou que os pequenos propietarios perciban integramente as rendas e os grandes e fondos voitre asumirán parte do impacto.
Empregadas do fogar e traballadores temporais: As traballadoras do fogar poderán acollerse a un subsidio extraordinario temporal sempre que estean rexistradas na Seguridade Social e que fosen despedidas ou non poidan traballar durante a crise sanitaria do coronavirus. Ademais, os traballadores temporais tamén terán un subsidio extraordinario para aqueles a os que lles venza o contrato durante o estado de alarma e non teñan dereito a cobrar o paro por non reunir a cotización mínima. A duración desta axuda será dun mes, ampliable se así se decide, e a súa contía ascenderá ao 80% do Indicador Público de Rendas con Efectos Múltiples ( Iprem), uns 430 euros mensuais co Iprem vixente en 2020. O único requisito que se esixirá para percibir este subsidio é que a duración mínima do contrato que se extingue sexa de polo menos dous meses, excluíndose así as relacións contractuais esporádicas.
Cortes de luz, auga e gas: O Goberno ampliou a prohibición de cortes de subministración de electricidade, gas e auga a todos os fogares durante o período que se prolongue o estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus, salvo por motivos ligados á seguridade da subministración.
Autónomos: Aprobouse unha moratoria do pago das cotizacións á Seguridade Social durante seis meses dos autónomos e empresas. Tamén se puxo en marcha un aprazamento do pago de débedas ata o 30 de xuño de 2020 e unha moratoria das cotas polos días traballados de marzo sen intereses. O período de pagamento en caso de empresas estaría comprendido entre abril e xuño de 2020, mentres que no caso de autónomos estaría comprendido entre maio e xullo de 2020.
Hipotecas: Realizarase unha ampliación da moratoria de hipotecas que tamén se estenderá a locais e oficinas de autónomos, así como locais comerciais.
Violencia de xénero: Garántense como servizos esenciais a atención a vítimas de explotación sexual e refórzase a axuda a vítimas de violencia machista.
Créditos ao consumo: Apróbase unha moratoria de pago de créditos ao consumo para persoas en vulnerabilidade económica con posibilidade de recibir un bono para as viaxes que fosen cancelados.
Publicidade do xogo: A última das medidas tomadas foi a prohibición da publicidade do xogo online durante o tempo que dure o estado de alarma.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.