A praza do Concello de Cambados recupera o seu ambiente do Nadal cos dous renos de madeira que roubaron dous vándalos na madrugada do domingo. Unha parella que foi vista por varias testemuñas e sobre os que a Policía Local había estreitado o cerco nas últimas horas.
O Concello lanzara a advertencia de que se non aparecían antes do martes, interpoñerían unha denuncia polo roubo nos xulgados. A reacción non se fixo esperar. Despois da canallada, este luns apareceron os renos á beira da casa de Papa Noel onde estaban gardados. A xanela da casa foi forzada para roubar as figuras decorativas.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Tino Cordal, non ten claro se lles cobrarán os danos ou de se os asumirá o propio concello porque "polo menos devolveron os renos, pero non temos decidido se lle cobraremos os danos". Cordal insistiu en que esta mañá os operarios municipais "estiveron arranxando a fiestra que forzaron para entrar a polos renos e os animais de madeira tamén están bastante deteriorados".
Os renos da casiña de Papá Noel de Cambados apareceron esta mañá ás portas da morada. Ninguén sabía dar razón de quen os deixou alí e todo apunta a que os ladróns das dúas figuras de madeira o pensaron mellor e decidiron devolvelos sen que transcorreran nin 24 horas. Os renos gárdanos de noite na casiña, pero onte ás sete e algo unha parella entrou ao asalto.
Un testigo relata os feitos: "El empezou a darlle patadas á porta para abrila, pero non o conseguía, e logo deulle tres patadas á ventá. Abriuse e entrou ela. Custoulle moito porque a ventá é pequerrechiña. Custoulle un traballo tremendo. E pensei qué irían facer estes aí dentro. E logo colleron el un reno e ela outro e marcharon".
Hai que lembrar que este non é o único episodio de vandalismo aos adornos do Nadal en Cambados. Primeiro foron as prantas que adornaban os maceteiros da praza Cabanillas e aledañas. Á árbore da praza do Concello tamén sufre ataques diarios, estaba chea de adornos e leváronos. Repuxeron os adornos e volvéronos levar. Noutros quitaron as bólas varias veces.
Os renos volveron ao sitio, supostamente por obra ou encargo de quen os levou. Iso si, algo prexudicados na cabeza e frouxeira de patas. Pero, nada que non se poida reparar na carpintería.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.