O BNG de Cambados considera que no Pleno de hoxe impuxéronse a cordura e a responsabilidade que a nosa organización levaba pedindo desde o día seguinte ás eleccións, e de xeito democrático impediuse que a dereita volvera acceder á alcaldía.
Agora toca entrar a negociar un goberno, e para que haxa un goberno tripartito ten que haber por parte das tres forzas verdadeira intención de que ese goberno funcione como tal.
Nese sentido o BNG manterá a mesma cordura e responsabilidade mostrada no pleno de hoxe, agardando que as negociación empecen en en serio; pois como manifestamos na reunión celebrada onte, non imos participar nin en repartos de botín nin en escenificacións de supostos acordos que non sumen 9 votos. E o contido da reunión celebrada no día de onte, no que atinxe a PSOE e Somos Cambados non deixou de ser unha simple escenificación e intento de reparto de botín. E como lles dixemos reiteradas veces no transcurso da mesma, O BNG onte non adquiriu ningún compromiso, pois un goberno serio e responsábel empeza a construírse elaborando un programa.
O BNG nesta semana que entra estará en disposición de negociar en serio o tempo que sexa preciso, unha vez hoxe foi despexada a incógnita da alcaldía,. Para nós un goberno de esquerdas e nacionalista en Cambados pasa por:
- Negociación dun Programa que permita afondar nos avances obtidos nestes últimos catro anos.
- Establecemento de áreas de goberno en base á realidade e ás necesidades do noso concello.
- Dotación de recursos materiais e humanos acaídos á realidade dun goberno integrado por tres forzas políticas.
- Mecanismos de avaliación do grado de cumprimento do Pacto de Goberno, e medidas para solucionar eventuais disfuncións.

No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.