Imaxe: Faro de Vigo/Noé Parga |
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria no entorno de tramos de concentración de accidentes na estrada PO-549, entre o final da parroquia de Deiro, no Concello de Vilanova de Arousa, e a intersección coa vía de alta capacidade VG-4.3, en Cambados, cun orzamento duns 460.000 euros.
Os traballos foron adxudicados á empresa Narom S.L, e dispoñen dun prazo de execución de oito meses.
Esta intervención enmárcase no Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 da Xunta, e ten por obxectivo levar a cabo unha serie de actuacións que permitan evitar ou mitigar a accidentalidade neste treito final de 1,8 quilómetros da estrada autonómica PO-549.
Durante o proceso de información pública deste proxecto o Concello de Vilanova solicitou que se ampliase o ámbito da intervención nunha lonxitude de 700 metros e se executasen sendas no tramo. A Xunta atendeu esta solicitude, polo que o tramo no que se desenvolverán as obras é o comprendido entre os puntos quilométricos 7+570 e 9+800.
As principais actuacións realizaranse nas interseccións máis relevantes do tramo. Para isto, levarase a cabo a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as manobras de saída ou incorporación á estrada autonómica. Tamén se construirán dúas semiglorietas para os cambios de sentido nas principais interseccións, en puntos con suficiente visibilidade para realizar os xiros á esquerda.
O actuación tamén contempla a execución dunha nova glorieta na intersección do punto quilométrico 9+020 coas estradas provinciais EP-9004 e EP-9005 e a mellora da contorna da rotonda existente no 9+400, executando un illote físico para facilitar a súa percepción e reorganizando os accesos próximos.
Tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns e nas paradas de autobús, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións e outras medidas.
De xeito complementario, executarase un tramo de senda entre os puntos quilométricos 7+570 e 8+340 pola marxe esquerda da estrada.
Cómpre lembrar que esta actuación está enmarcado na estratexia deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade autonómica, para conseguir o obxectivo de reducir nun 50% as vítimas mortais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.