Onte venres, alumnado de
4º de Educación Secundaria Obrigatoria e 1º de Bacharelato
participou nunha actividade formativa sobre os Campos de
Concentración que funcionaron en Galiza durante o franquismo.
O profesor da
Universidade da Coruña Carlos Velasco Souto, Doutor en Historia e
especialista en Historia Social de Galiza e no estudo do franquismo,
mantivo unha sesión de traballo co noso alumnado, achegándoo a unha
parte da nosa historia moi pouco coñecida. Sesión moi dinámica
pois ao remate da súa exposición houbo de dar resposta ás
preguntas e preocupacións dos alumnos e alumnas, que como sinalaba
algún non entendían como temos tanto información sobre os campos
de concentración nazis e descoñecemos unha realidade que existiu no
noso país, e que por tanto forma parte da nosa propia historia.
O profesor Velasco Souto
leva anos estudando a existencia e localización dos Campos de
Concentración que funcionaron en Galiza durante a Guerra Civil e na
primeira década da ditadura franquista, e neste momento téñense
localizados 11, varios na comarca da Barbanza, campos polos que
pasaron máis de 30.000 prisioneiros, a meirande parte deles persoas
comprometidas co sistema democrático contra o que o xeneral Franco
deu o golpe de estado.
Esta actividade enmárcase
no tratamento da Memoria Histórica e do Xenocidio incluídos nos
elementos transversais definidos polo centro, e busca concienciar ao
alumnado contra todo tipo de violencia e discriminación partindo do
estudo de feitos históricos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.