A concellaría de Cultura do Concello e Cambados, a Deputación de Pontevedra e os dous Institutos de educación secundaria activan esta semana o Arquivo da Memoria Falada de Cambados. Neste arquivo dixital recóllense gravacións realizadas polo alumnado a trinta persoas, nun traballo que procura facer visible entre a mocidade os valores das persoas coas que media unha distancia física e temporal de cando menos cincuenta anos. Un traballo que achega valores de vida, mais tamén información histórica, lingüística, social, económica e cultural da vila cambadesa e das persoas que a habitan.
O acto de activación tivo lugar hoxe en Exposalnés, e nel participaron representantes do profesorado, como Maribel Iglesias, e alumnado dos Institutos, persoas que foron gravadas e os responsables de cultura do Concelllo e da Deputación, Víctor Caamaño e Xosé Leal.
Trátase da segunda fase do proxecto A memoria das palabras que o ano pasado recollía na web www.amemoriadaspalabras.gal trinta traballos literarios con semblanzas de vida e obra redactadas polo alumnado; nesta ocasión insírense a memoria falada na voz e imaxe dos seus protagonistas, seguindo a metodoloxía de entrevistas preparadas polo alumnado e gravadas por un equipo profesional de audio e video.
As trinta persoas gravadas cunha media dunha hora por cada entrevista (os chamados brutos), son a resultante dunha variada procedencia territorial: Cambados vilego, mariñeiro e labrego, o que achega unha enome riqueza lingüística; unha ampla diversidade social, con catedráticos de universidade e profesorado, avogados, mariñeiros, comerciantes, músicos, labregas, empresarias, cregos, mariscadoras… o que amosa unha ampla representatividade económica, social e cultural; e unhas diferenzas de idade que van dos 67 aos 89 anos, o que tamén achega a visión e coñecemento de diferentes épocas nos relatos memorísticos e narracións dos tempos rememorados.
- JOSÉ BENITO OUBIÑA PIÑEIRO
A intensidade no falar, a experiencia da vida, a prematura madurez desta persoa, un informante que nos de razóns para vivir…
- XOÁN ANTONIO PILLADO SILVOSO
Profesor, político, investigador, historiador local, a memoria lúcida dos últimos sesenta anos da vida de Cambados…
- GARDENIA PADÍN BUGALLO
A derradeira xeración que tivo que poñerse a termar da vida antes de tempo; modista, traballadora da saúde, tendeira, política…
- ELENA OTERO TEJEDO
Dende a súa casa singular, histórica, emocionante… veu pasar a varias xeracións das xentes de Fefiñáns…
- JOSEFA NÚÑEZ BUGALLO
Mestra de costureiras, emprendedora, lúcida, empresaria de hostalería; dende o corazón de Cambados…
- JOSÉ RAMÓN HÉCTOR CORES GONZÁLEZ
Dende as parroquias do interior, no fío da memoria que nos envolve, trae ao presente un pasado que nos atinxe…
- JOSÉ CARLOS ANDRADE CAMIÑA
É a súa unha memoria de tránsito do tempo de carencias ao desenvolvemento económico e social…
- BERNARDO NÚÑEZ CORES
O traballo no agro, a parroquia como entidade física e social, a vida dos que nos precederon…
- JOSEFA GARCÍA PADÍN
A lingua de expresión que nos indentifica como seres dun lugar e dun tempo, a tranquilidade na experiencia…
- MARÍA ROSA ARAGUNDE MÁRQUEZ
As palabras que son expresión de sentimentos, e manifestan emocións, experiencias da vida que vai pasando
- JOSÉ RAMÓN CRESPO IGLESIAS
O fío memorístico dun neno que sabía axudar ao pai zoqueiro; dúas parroquias administradas, bonhomía…
- ÁUREA ENRÍQUEZ FORTES
Conciencia social, vidas de resistencia, traslados laborais, luces e sombras do balance de vivir mirando á frente…
- CARMEN VÁZQUEZ MUÑÍZ
A vida entre o mar e a terra; entre o barro e o torrón; a experiencia do traballo na infancia…
- FRANCISCA GONZÁLEZ OTERO
Facer da carencia, da necesidade, dos recursos que non se teñen, unha oportunidade para andar os camiños…
- DOLORES REY BLANCO
Ás veces acontece que o esforzo ocasiona beneficio; ás veces a dedicación xera fartura emocional…
- FRANCISCO FERNÁNDEZ REI
Triana de mariñeiros e peixeiras; memoria privilexiada; Cabanillas e o idioma propio que tanta ocupación ten xerado…
- FRANCISCO TRIGO DURÁN
Fillo do mar; arquitecto e avogado, analista e político; retrospectiva dun Cambados que foi construíndose…
- JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA
A mirada sobre nós de quen veu de lonxe para facerse un dos nosos; ollares dun experto en arte e patrimonio…
- ADELA LEIRO LOIS
A renovación escolar, a política local, os traballos de investigación do mar e a natureza; a divulgación do coñecemento…
- VICTORIA OUBIÑA VIEITEZ
Mulleres que mudaron o mundo, mariscadoras conscientes de que eran elas soas contra un tempo de homes…
- JOSÉ CASAIS GALIÑANES
Homes de ferro, de carácter forxado navegando en barcos de madeira, compromiso coa súa xente…
- ROSA FONTÁN BESADA
O río da vida no seu discreto pasar sen que case se note; os traballos para tirar dunha familia, dunha casa…
- CARMEN CHAVES NÚÑEZ
Facer visibles as vidas das mulleres valentes que tendo a vida en contra souberon tirar proveito do esforzo…
- JOSEFA MARTÍNEZ RODIÑO
Ou como foron os tempos que xa levou o vento, o salitre, o traballo; mulleres sinxelas que valen mundos…
- JOSEFA VARELA CACABELOS
Símbolo da súa xeración, exemplo dos traballos e paixóns das da súa clase, extraordinarios exemplos do que foi vivir…
- VALVANERA COSTA CHAVES
San Tomé do mar de Cambados, San Sadurniño outeando o pasar da vida sacrificada da xente de ben…
- JOSÉ ANTONIO MIRAS MARTÍNEZ
Ese outro Cambados de forno de pan e música; emprendedor e afable, aquel que soubo encontrar o seu espazo…
- MANUEL NÚÑEZ PÉREZ
Educar, guiar, conducir… a docencia dende experiencia de quen víu as todas as transformacións…
- JOSÉ ALDAO REY
Actuar no pasar dos anos dende o labor social; ver como se malograban moitos dos mellores nacidos entre nós…
- INÉS GESTOSO SANTORUM
Cando o traballo e a precariedade se transforman, con esforzo, nunha familia da que gozar…
As entrevistas poderán verse dende xoves, catro de abril na web www.amemoriadaspalabras.gal
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.