Tres mariñeiros perderon a vida e un permanece desaparecido tras o afundimento dun barco á altura de Fisterra, concretamente a 5 millas da costa, ao fío das 13:50 horas.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o resto da tripulación da embarcación, da que formaban parte un total de dez persoas, foi evacuada a diferentes centros hospitalarios. Concretamente, catro persoas foron trasladadas ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago e outras dúas ao hospital Virxe da Xunqueira.
A información facilitada ao 112 Galicia indica que ata o lugar do afundimento desprazáronse dúas embarcacións e un helicóptero de Salvamento Marítimo, así como dous pesqueiros que colaboraron no rescate da tripulación.
Segundo puido saber o 112 Galicia, dous dos mariñeiros falecidos foron trasladados ao porto de Porto do Son e o corpo do outro tripulante aterrou a bordo do helicóptero de Salvamento Marítimo no Aeroporto de Alvedro.
Desde o 112 Galicia, alertouse do ocorrido ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que se desprazou ata a confraría de Porto do Son para atender aos familiares das vítimas.
O barco Sin querer 2, con base en Portonovo, foi a pique con 10 tripulantes a bordo a 4,5 millas do cabo Fisterra. Na zona traballaron durante toda a tarde o Salvamar Régulus e o helicóptero Helimer. Tamén dous pesqueiros.
O Helimer recuperou un cadáver e a Salvamar outros dous. Arestora estase buscando un tripulante máis. Previamente, os barcos mobilizados lograron salvar seis persoas en dúas balsas. Os rescatados foron enviados a Fisterra e a Muros.
Salvamento Marítimo recibiu a alerta ás 13:49 horas. Ao operativo sumouse o Pesca 1, e outros barcos, que traballaron ata que as condicións de luz o permitiron.
Os mariñeiros rescatados están "moi afectados" pero en principio ben de saúde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.