Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

19 de diciembre de 2018

CAMBADOS ACOLLE MAÑÁ XOVES UNHA XORNADA INFORMATIVA SOBRE O SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA DA DEPUTACIÓN


A Deputación de Pontevedra trae este xoves, 20 de decembro, ata Cambados unha sesión informativa sobre a teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración con 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes cos que ten asinado un convenio de colaboración. Concretamente, a xornada vaise desenvolver este xoves, a partir das 17:30 horas, no Salón de Congresos e Exposicións José Peña.
As charlas informativas que promove a institución provincial teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. Así, este ano son 25 concellos os que solicitaron que se leven a cabo este tipo de sesións informativas. O ano pasado, a institución provincial organizou dezasete xornadas que permitiron ata duplicar o número de solicitudes mensuais do servizo de teleasistencia. Ademais, estas xornadas permitiron darlle visibilidade ao servizo que, neste ano, está a atender a preto de 600 persoas de 46 concellos da provincia.
A teleasistencia domiciliaria permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, as e os usuarios reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de "mans libres" dos teléfonos móbiles.
Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas. O servizo complétase con visitas regulares ás usuarias e usuarios co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.