Cambados acolle dende este luns a mostra integradora da Deputación "Sorrisos Transformadores"
A exposición estará no Salón de Plenos do Concello ata o 28 de setembro co obxectivo de concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e sobre a non discriminación
Sorrisos Transformadores
O Salón de Plenos do Concello de Cambados acolle dende este luns a mostra "Sorrisos Transformadores", unha iniciativa artística para a visibilización do colectivo LGTBI posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS. Estará aberta ao público ata o vindeiro día 28 de setembro, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.
O vindeiro mércores, 19 de setembro, terá lugar a inauguración oficial da mostra "Sorrisos Transformadores". Será no Auditorio Municipal, ás 11:00 h., nun acto con alumnado e profesorado do Instituto de Cambados, onde haberá unha charla-coloquio coa presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios.
"Sorrisos Transformadores" é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.
Trátase dunha exposición itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna.
A finalidade de "Sorrisos Transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.


No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.