A Xunta de Galicia vén de enviar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente favorable para que a Festa do Albariño de Cambados sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional culminando así o proceso que o Goberno galego vén apoiando nos últimos anos para que esta celebración acade o máximo recoñecemento.
Co envío do informe favorable, o procedemento alcanza xa a súa etapa final e será agora o Goberno central o encargado de proceder á declaración, convertendo así a Festa do Albariño de Cambados na primeira festa enogastronómica galega en ser recoñecida de Interese Turístico Internacional.
A Festa do Albariño –que se está a celebrar durante esta fin de semana na vila de Cambados– é un claro exemplo de como as festas galegas son un dos maiores patrimonios turísticos cos que conta Galicia. Trátase da celebración vitivinícola máis antiga de Galicia e a segunda de España, que conseguiu afianzarse nos últimos anos como gran expoñente do enorme potencial enogastronómico da Comunidade galega.
É, ademais, pioneira xa que no seu día se converteu na segunda festividade de Galicia en ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional e na primeira da provincia de Pontevedra en conseguilo. No ano 1990 abriu o paso ao resto de celebracións que a día de hoxe teñen ese recoñecemento en dita provincia converténdoa, con cinco festas recoñecidas de Interese Turístico Nacional, na de maior número de festas con esta distinción.
Clave no modelo turístico galego
Unha vez que o Goberno central ratifique o informe favorable enviado pola Xunta de Galicia, a Festa do Albariño de Cambados dará un paso máis no seu recoñecemento e unirase ás nove festas de Interese Turístico Internacional coas que conta Galicia actualmente. Sumarase á festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.