Máis de 800 persoas participarán esta fin de semana en 13 excursións de "En ruta coa Depo"
Veciñas e veciños de 12 concellos realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico
O programa da Deputación de Pontevedra "En ruta coa Depo" organiza esta próxima fin de semana 13 novas saídas que contarán coa participación de 815 persoas de 14 asociacións. Estas excursións, que terán lugar o sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.
Para comezar, este sábado 28 de outubro haberá 8 excursións. Máis polo miúdo, 47 persoas da Asociación de Amas de Casa Albariño de Cambados farán unha ruta polo parque Quiñones de León, parque do Castro e parque botánico do castelo de Soutomaior. Ese mesmo sábado, 45 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de San Juan de Santeles, da Estrada, farán unha ruta cultural por Cambados e 49 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Vicente de Paúl, na Illa de Arousa, visitarán o conxunto histórico de Salvaterra de Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo (Arabo) e as pesqueiras do Miño. Tamén 45 mulleres da Asociación Mulleres en Igualdade de Cercio, de Lalín, farán un percorrido polo conxunto histórico de Cuntis, o miradoiro do parque Maráns, o castro de Castrolandín, e o conxunto histórico de Caldas de Reis.
Seguindo coas actividades do sábado 28 de outubro, 45 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais Ascuas, de Catoira, poderán visitar o conxunto histórico de Cangas, a igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó, en Bueu. Pola súa banda 53 persoas da Asociación Veciñal Doutor Fleming, de Vigo, farán unha ruta cultural por Agolada, e 54 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla, de Sanxenxo, terán a oportunidade de facer unha ruta cultural pola Cañiza. Por último, 54 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Alfonso Daniel Castelao e 54 persoas da Asociación Cultural Amigos da Vieira de Bueu farán unha visita pola Illa da Toxa con paseo marítimo pola ría de Arousa.
Pola súa banda, o domingo 29 de outubro haberá cinco novas excursións. 45 persoas da Asociación de Persoas Xordas de Vigo farán unha ruta cultural por Cambados; 105 persoas da Asociación de Mulleres en Igualdade de Don Ramiro, de Lalín, farán unha ruta cultural por Salvaterra do Miño, e 108 usuarios e usuarias da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Alameda, da Guarda, visitarán o paseo marítimo de Moaña, a igrexa de San Martiño, Tirán e a súa contorna recuperada, e as salinas do Ulló, en Vilaboa.
Tamén 54 persoas da Asociación Veciñal de Fragas, de Campo Lameiro, farán unha visita cultural polo Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; o serradoiro dos Carranos, e o reitoral de Barciademera, en Covelo. E por último 54 persoas da Asociación de Comerciantes da Praza de Moaña visitarán a Illa da Toxa facendo un paseo marítimo pola ría de Arousa.
O programa "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.